Menu Xerais

Cando a lúa de Nadal ilumina un libro exquisito: «Trece noites, trece lúas», de Antonio Reigosa. Crítica de Armando Requeixo

O crítico Armando Requeixo publicou nos xornais xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños unha recensión crítica sobre o libro de Antonio Reigosa  Trece noites, trece lúas. Libro das marabillas do Nadal, ilustrado por Noemí López.

 

Na lúa de Nadal

Hoxe quero recomendarlles un libro no que se dá razón da historia e tradición de canto rito, costume, celebración ou acto festivo ten lugar nas datas do Nadal: Trece noites, trece lúas. Libro das marabillas do Nadal, da autoría do narrador e etnógrafo mindoniense Antonio Reigosa, a quen debemos unha longa nómina de títulos que se contan entre o melloriño das recuperacións recreadoras do noso acervo literario de tradición oral.

Exquisitamente editado por Edicións Xerais, que o presenta a modo de álbum ilustrado de mediano formato, incorpora magníficos e moi coloristas debuxos de Noemí López, unha das mellores ilustradoras galegas do momento.

Escrito pulcra e expositivamente por Reigosa, mestre da didáctica divulgativa onde os haxa, a limpidez e gracilidade estilísticas das que se serve fano máis que accesible para calquera lector que a el se achegue, sen por iso renunciar a un fraseo moi vizoso no caudal léxico empregado, que sabe do valor da semántica dialectal para crear un discurso poderoso e de admirable policromía verbal.

Cómpre saber que Trece noites, trece lúas é unha moi completa monografía de tema natalicio, onde se responden cuestións tan intrigantes como o porqué da celebración do Nadal xustamente o día 25 de decembro, cando parece que Xesús debeu nacer noutra data; o carácter ecléctico desta conmemoración que se remonta a mitos animistas e bebe de tradicións orientais, exipcias e grecolatinas; os preparativos adventicios da data e o papel de San Nicolao (logo Santa Claus/Papa Noël), Santa Lucía o a orixe dos beléns e as árbores do Nadal; as tradicións propias da Noiteboa (o tizón ou lume novo, as flores de Pascua, o acivro, a Misa do Galo…), Nadal (con reprodución de abundante repertorio de literatura galega de tradición oral sobre a fuxida a Exipto da Sagrada Familia e as lendarias aventuras que esta viviría no seu éxodo), Noitevella (con explicación da nacenza das carreiras de San Silvestre e os prognósticos meteorolóxicos das sortes, resortes, contrasortes e demais, sen esquecer a historia de tradicións como as das doce uvas), Aninovo (coa súa raíz no bifronte Xano, a importancia de San Manuel e acaídas reflexións sobre a variabilidade extrema do comezo do ano dependendo do pobo ou do tempo concreto no que nos situemos) e o día de Reis (coa análise comparativa de figuras equivalentes como as dos enxebres Apalpador, Xan Fiz ou Pandigueiro en comparanza cos importados Reis Magos, Papa Noël ou Santa Claus).

O libro, ben completo e moi ameno, remata cun capítulo dedicado aos “Cantos, xogos e representacións de Nadal”, sucedido por unha “Codia” e unha escolleita bibliografía final para os que desexen profundar nalgún aspecto concreto desta vizosa tradición, que ofrece múltiples derivacións e innúmeras relacións etnográficas.

Como se nos lembra no limiar a este excelente Trece noites, trece lúas, “o tempo do Nadal é sagrado e desde a Noiteboa ata o Día de Reis non hai maxia nin buxedo que teña efecto; xa que logo, todos os meigallos que se intentan nestes días e noites fracasan, ou deberían fracasar, sen remedio”. Metidos, como andamos, en tales días, ben se ve que nada malo nos pode pasar, pois é tempo de tregua para crises e outras miserias que nos arrodean. Ler as páxinas deste libro axudaranos a recuperar esa maxia antiga e recobrar o espírito ilusionado do renacer cíclico onde, tras as tebras do ano que se vai, abrirase a luz do sol invicto que ha alumar o aninovo.

Armando Requeixo

Deixa un comentario!