Menu Xerais

Cando a palabra suxire: «O heroe», de Manuel Rivas. Anotación en Trafegando ronseis

Trafegando ronseis publica unha anotación sobre a obra de teatro O heroe, de Manuel Rivas.

 

O heroe

A miña última lectura deste nadal é esta obra de teatro que non lin non seu día -menos mal que se poden subsanar os erros-: O heroe de Manuel Rivas publicada por Xerais. Mágoa non tela vista no teatro: esa é a miña maior pena!
O heroe é a historia de Arturo, ou de Robinson, ou de Caronte. Un ex-lexionario dunha guerra descoñecida (a de Sidi Ifn, de finais dos anos 50) que non atopa á súa volta vítores nin proclamas, senón todo o contrario; con esta desilusión e sufrimento vai conformando o seu xeito de ver o mundo, curando feridas e converténdose nun resistente. Interesante resulta situar esta acción a finais da ditadura franquista, cando se lle pide que volva ser un heroe e que actúe como tal para acabar dunha vez con esa situación política. A solución será ben complicada para este home anónimo e namorado que só pretende seguir coa súa vida; ao mesmo tempo o lector-espectador pode facer moitas lecturas do que ocorre ou se entreve no escenario; creo que a personaxe de “Medias Vermellas” dá moito xogo neste sentido: será posible permanecer impasible?. Tamén é chamativa a utilización do flash back para achegarse aos anos inmediatamente posteriores a esa guerra descoñecida pero real cando a ditadura está en pleno apoxeo e os maltratadores carcereiros poden actuar con total impunidade (o que nos lembra o que aconteceu estes días no estado español: nada se pode facer aquí, hai que ir a Arxentina…).
De fondo, a admiración pola palabra de Manuel Rivas, unha palabra que suxire, que describe, que provoca, que fala, que escoita. Unha palabra coa que nos quedamos.

Deixa un comentario!