Menu Xerais

Carlos G. Reigosa explora a relación do Premio Nobel con Galicia en «A Galicia máxica de García Márquez». Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou o pasado sábado no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre o libro A Galicia máxica de García Márquez, de Carlos G. Reigosa.

 

 

García Márquez e nós

Converteuse case nun lugar común entre nós, ao falarmos de García Márquez, aludir á existencia da súa avoa galega chamada Tranquilina Iguarán. O exercicio de afondar na existencia desa persoa, máis ben das liñas sinuosas que conforman eses “pasos perdidos” xenealóxicos foi, talvez, o obxectivo do xornalista Carlos G. Reigosa. E escribo talvez porque o volume sobarda eses límites e transfórmase  nunha lección de xornalismo que asedia con rigor e garantías non só o ámbito dos posibles devanceiros galegos senón que peneira, con fortuna e coma se dunha viaxe fantástica se tratase, todo aquilo que ten que ver con García Márquez e Galicia, na literatura mais tamén na vida.

         O exercicio de documentación case obsesiva, o traballo de pescuda que realiza o autor e que ademais relata con brillantez, resulta difícil de esquecer. A conclusión á que se chega era, se cadra, a que se sospeitaba antes de abrir o libro mais un pecha as súas páxinas informado e, en ocasións, conmovido. Pouco máis se pode pedir.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, o 29 de xuño de 2013, baixo o título de «García Márquez e nós».

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!