Menu Xerais

Carolina Otero: a muller máis famosa, glamurosa e rica da Belle Époque. Conversa entre María Xosé Queizán e Marga do Val

A raíz da publicación da novela O solpor da cupletista, de María Xosé Queizán, que inclúe un ensaio de investigación titulado «Carolina Otero, a liberdade arrogante», Marga do Val e María Xosé Queizán mantiveron unha conversa publicada en Sermos Galiza asinada pola primeira.

 

Arredor de Carolina Otero

Nun apartado final achegueime á Bela Otero que xurdía nas páxinas literarias dalgúns autores detrás dalgunhas das súas personaxes femininas, desde Valle Inclán  (Divinas palabras) até Torrente Ballester ( La saga/fuga de J. B), tamén reparei na breve alusión que lemos en Cambio de piel de Carlos Fuentes para lembrarnos que cantaban os Beatles na radio cando o mesmo 10 de abril de 1965,  morrerían Linda Darnell e Carolina Otero, no texto unha referencia á primeira actriz de cine galego como “útero rancio”. O solpor da cupletista en que latexa o pulso da Queizán do relato máis breve que tan ben domina ofrecía unha personaxe por enteiro. Eles, ollaran unicamente un corpo para o gozo, con medo, un inferno en que caer. A escritora enxergouna con ollos do feminismo. Agora este fermoso galano volve estar nas nosas mans.

Do Val.-  Facemos ou non unha diferencia entre Carolina Otero e a Belle Otéro?

Queizán.- En principio non acredito en bicefalias, se é iso o que queres dicir. Era unha única persoa, un só carácter, de ferro como a Tour Eiffel.

Do Val:-  O solpor da cupletista foi publicado por primeira vez pola Editorial Nigra (1995), nunha colección de relatos breves, despois entrou na casa de Xerais nunha edición non venal en 1998, un agasallo, agora a mesma editorial ábrelle a porta e volve saír á rúa, está vez acompañado dun texto, “Carolina Otero: a liberdade arrogante”. Que é o que nos fará volver sobre a Otero? 

Queizán.- No meu caso hai dous motivos: o de dar a coñecer ao público un texto que valoro. O precioso regalo de Xerais, unha edición con debuxos de Natalia Pérez García, só chegou a una minoría, ás amizades da editorial e miñas.
Outra razón é o estudo dunha personaxe moi interesante, un paradigma de muller libre, arrogante e nada común. De ser una creación novelesca, parecería demasiado fantástica para ser real e a súa vida rocambolesca. Nós, escritoras galegas, comprobamos a súa existencia, sabemos que saíu pobre aos 11 anos dunha aldea de Galicia, non tiña nada que perder, valeuse por si, e chegou a ser a muller máis famosa, glamurosa e rica dun momento histórico, a Belle Époque. Resulta evidente que merece a pena seguirlle os pasos e cismar nunha ser quimérica que comprendemos.

Do Val.- Neste novo texto, preténdese fuxir da ficción e achegarse “á verdade da personaxe”,  pode ser posíbel non caer nas redes da mentira tan ben artelladas pola propia Otero?

Queizán.- Eu pretendín facelo. Sabendo que era unha fantoche non é tan difícil. Crea unha identidade falsa, que coñecemos, e unha empresa de grande rendemento, grazas á beleza, a intelixencia e á astucia.
Canto á idealización masculina sobre ela, non me chama a atención. As mulleres son como queiran que sexan. Neste tópico mel caen todos como moscas. A súa escrita non ten riscos de autenticidade. Xa desmitifiquei as súas Metáforas hai 16 anos.

Do Val.- Lese neste pequeno ensaio: “Carolina Otero, como persoa, tampouco é santa da miña devoción”.  Por que?

Queizán.- É unha grande impostora, unha das peores condicións dunha persoa, cando menos a que máis me alporiza e anoxa. Sacáballe cartos e xoias aos millonarios e grandes mandatarios, coa venda do corpo. Non me dan pena os estafados, pero tampouco considero decente o seu negocio. Que se saiba, nunca deu cartos para unha causa xusta, nin demostrou compaixón por ninguén. Non era unha boa persoa, creo.

Do Val.- Así e todo lemos: “O abuso do poder, a transgresión dos dereitos da persoa, iso que as feministas conseguimos que significase a violación: un delito contra a liberdade, xa o declara Carolina”.

Queizán.- Si. Foi clarividente. Separa a violación do aspecto biolóxico, da virxindade, do himen que é onde a sociedade patriarcal sitúa a honradez feminina. Ela quere ser persoa, unha ser libre que toma decisións propias, non se somete ao poder dun bruto que abusa dela. Defende a autonomía persoal e se identifica máis cos homes que coas mulleres. Non se problematiza coa síndrome Wolstonecraft.

Do Val.-  Hai algo que si compartimos coa retirada Bela Otero, a fascinación pola cidade de Niza. Desde ese espazo evoca a protagonista de O solpor da cupletista  o pasado e vive o presente, “un cheiro azul que paira sobre ela como unha profunda aceptación da morte”. É nese espazo onde a escritora procura as pegadas últimas da personaxe e da muller de carne e óso. Que permanece da Otero na cidade?

Queizán.- Case nada, coma ben sabes. Somos nós as que enchemos os lugares da Côte d’Azur e os casinos  de Niza e Montecarlo coa súa presencia.

Do Val.-  A cidade provoca a evocación de Michel Butor e a Orella no buraco, escrita en 1962, publicada en 1965, o ano en que morre Carolina Otero. Cincuenta anos de traxectoria literaria, entre un libro e o outro, imaxino alegrías e atrancos…

Queizán.- Desde o ano 1963 no que rematei A orella no buraco, non volvín escribir até o 1974. A partir dese momento foron moitos os ensaios, as novelas, teatro, poesía, artigos, guións… que salvaron a miña vida. Débolle moito á literatura. Faime pasar momentos moi felices, vivir aventuras, aprender, investigar, coñecer…
Non esperaba encontrarme en Niza a Michel Butor, un intelectual que foi deixando a súa pegada innovadora por diferentes países, niso consistiu L’emploi du temps. Chegou a Niza, seguindo os pintores vangardistas e colaborou no proxecto de converter a Vila Arson en Escola Nacional de Arte, sede da colección de arte contemporánea e fogar de artistas en formación.
Percorrendo a Vila Arson fun cismando en Michel Butor que encontrara en Paris no ano 61 cando descubrín os autores do nouveau roman que tanto ían influír na Orella no buraco. Daquela a reiteración da segunda persoa do singular na súa novela La modification, engadía un risco novo a un estilo obxectivo, descritivo e material no que me mergullei un tempo con Nathalie Sarraute, Claude Simón, Allain Robe-Grillet… e outros, testemuñas dunha época na miña biblioteca.

Marga do Val

Comentarios pechados