Menu Xerais

Celebracións da vida: «Humildar», de Suso de Toro. Crítica de Diana Pastoriza

O blog Palabras de man ao corazón, de Diana Pastoriza, publicou unha recensión sobre o libro de ensaio Humildar, de Suso de Toro

 

Words in Books: Humildar

Os rituais sempre foron considerados (xunto cos mitos) centrais na práctica relixiosa. Aguantarían os mitos se non estivesen ligados a unha serie de rituais? Mesmo os estudosos evitan  pronunciarse. Os dous comparten paradigmas, máis non se chega a acordo de cal foi primeiro.
En pleno século XXI e no mundo occidental, supostamente aberto, ateo, democrático, tecnolóxico e libre de prexuízos, cómpre unha análise e avaliación dos rituais que enchen as nosas vidas: debemos continualos, eliminalos ou reinventalos?
Humildar (2017),  é a proposta de Suso de Toro. Preséntase como a procura do máxico e o divino, ante a orfandade dun deus, onde a palabra constitúe unha ferramenta de invocación e evocación: “Fáltame a palabra sagrada e o ritual, fáltame a linguaxe (…) Porén, a vida foime facendo ver que estaba equivocado e tamén o oficio de escribir deume confianza no poder das palabras” (p.7)

Humildar (humildarse)  “é facer unha renuncia voluntaria a unha parte do noso orgullo ou soberbia de persoas libres” (p.31). Eu quero esa renuncia na miña vida, e quero tamén os rituais que de Toro propón como manual de cabeceira con suxestións moi ligadas á nosa cultura e á nosa tribo, máis ao mesmo tempo cunha dimensión universal.

Trátase de cerimonias e celebracións da vida. Vibrantes, das de verdade, das que nos vinculan aos demais mentres fortalecen a propia identidade. Entre elas: Aceptar o vivir, dar a benvida aos que nacen, nomear, despedir aos que marchan, falar cos mortos, con nós mesmos, coidar a outros, ligarnos a eles, marcar os nosos lugares especiais, agradecer, ser corteses, dar as grazas, rir.

E o máis fermoso? A sinxeleza, modestia e brevidade das propostas, malia o cal encerran unha poderosa contundencia que as convirte en esenciais.

Celebrar, crear momentos, facer rito” (p.9)
A vida plena é a que entraña a lembranza de quen nos antecedeu e nos quixo” (p.13)
O pracer de estar nus, ficar calados e, despois, falarmos as nosas cousas” (p.19)
Unha vez ao ano “dicírmonos a vida que temos ou quen somos. Unha vez no ano, nada máis” (p.20)
A vida é móbil e inaprensíbel, os nosos votos son tan fráxiles como fermosos. Cousas tan pobres e leves que están na nosa man” (p.21)
Rescatar o tempo é rescatar a vida” (p.29)
Dar grazas é reconocer que un carece ou carecía de algo, recoñecer unha falta, unha vulnerabilidade” (p.35)
“Estas follas foron escritas á man e con estilográfica. Cando me puxen, comprendín que debía facelo así (…) A escrita á man é máis verdadeira, a tinta que mancha o papel implícao a un dun xeito que non o fai a pantalla do ordenador. Escribindo á man o noso pulso acerta coas palabras máis precisas e xustas. Ou iso foi o que sentín ao recuperar estas palabras escritas á mantenta” (p.41)

Deixa un comentario!