Menu Xerais

Celso Emilio Ferreiro: «A noite e a pedra como símbolos», por Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha nova recensión crítica sobre a obra de Celso Emilio Ferreiro a partir de Longa noite de pedra.

 

A noite e a pedra como símbolos

             O poema Longa noite de pedra artículase arredor de dous símbolos, que son a noite e mais a pedra. A forma hoxe en día máis fácil de acceder a este texto, á parte das innumerables antoloxías e ata libros de texto de secundaria que o reproducen, é a edición de Longa noite de pedra de Xerais na súa colección “Biblioteca das Letras Galegas”, preparada por Gonzalo Navaza.

Como xa sinalamos noutro dos nosos comentarios, o título do libro e mais do poema que abre o libro acadou tanta fortuna que pasou a designar os corenta anos do franquismo, mesmo fóra de Galicia.

O poema e os símbolos da noite e da pedra foron interpretados a partir das propias declaracións que sobre o asunto fixo Celso Emilio. Na devandita edición de Xerais, o editor en nota sinala que o poema procede da experiencia persoal vivida por Celso cando foi encarcerado no convento de Celanova en 1937 por unha denuncia. O propio poeta nun célebre libro de entrevistas realizadas por Freixanes (Doce galegos, de 1976) sinalaba que o poema xurdira da experiencia persoal da súa detención o ano 1937 no convento de Celanova, cando viña de permiso da fronte de Asturias (o poeta era daquela soldado mobilizado de forma obrigatoria no exército de Franco), pola denuncia dunha envexosa. Segundo conta o propio Celso, pasou varios días pechado nunha cela do convento, toda ela de pedra, incluído o teito e con tan pouca luz que o día parecía noite.

No seu relato autobiográfico A taberna do galo (1978), que se pode ler na edición da Obra narrativa, que fixo Mónica Góñez en Edicións Xerais, o poeta tamén alude a esta dura experiencia da detención no convento de Celanova, convertido en cárcere para presos políticos.

Este poema pasa a darlle título a todo o poemario e tamén temos a testemuña sobre este feito. Sabido é que Longa noite de pedra se publica por primeira vez en 1962 na colección Salnés de poesía da editorial Galaxia, que era dirixida por Francisco del Riego, Emilio Álvarez Blazquez e o propio Celso Emilio Ferreiro. O propio Fernández del Riego na súa autobiografía O río do tempo. Unha historia vivida (Ediciós do Castro) conta o proceso de publicación do libro. Relata Fernández del Riego que cando ían publicados varios libros da colección Salnes lle suxire a Celso Emilio que publique algo seu, mais Ferreiro non se manifestou moi disposto. Sentíase moi desesperanzado pola escasa audiencia que tivera O sono sulagado. Por outra banda, aducíame que só dispuña de poemas soltos, escritos en varias épocas e baixo distintas circunstancias. Faltáballes, segundo el, unha elemental unidade para se corporeizar en volume. Convencino para que el e mais eu os relésemos, facendo despois unha escolla. E así foi. Chegou un día ao meu despacho na rúa Velázquez Moreno, cunha manchea de folios mecanografiados e outros manuscritos. Durante máis dunha semá estivemos a lér e comentar os poemas. Desbotamos moitos, como é natural. Algúns foron refeitos en parte. Ao cabo, eliximos de común acordo as composicións que formarían o corpo do libro. Planteóusenos despois o problema do título que lle pór a este. Dándolle voltas ao asunto, ocurríuseme que o poema Longa noite de pedra podería ser tamén o axeitado para o libro. Pareceulle moi ben ao autor, e foi de tal maneira como xurdiu a obra poética que adquiriría máis tarde grande sona (páx. 211-212).

Nesta obra aínda dá Fernández del Riego novos datos sobre a publicación deste poemario. Refírese Del Riego ao autor: Celso Emilio Ferreiro era amigo meu desde a época da Federación de Mocedades Galeguistas… Despois da guerra civil, sen motivo aparente, puxo ao descoberto nun periódico de Pontevedra que era eu quen me agachaba no seudónimo Salvador Lorenzana. Tan insospeitada actitude determinou que me alonxase da amistade que nos unía. Andado algún tempo… reanudamos… as vellas relacións… (páx. 277) Tras aludir ao desalento que lle produciu a Celso Emilio a pouca difusión de O sono sulagado, xa vista enriba, engade Del Riego: que o inducín teimosamente a publicar na colección Salnés o novo libro que se titularía Longa noite de pedra por suxerencia miña. Tiráronse setecentos exemplares, que era o número asignado para tódolos volumes da colección. Na súa saída do prelo non atinxiu o desexado esparexemento. Pero, a partir da traducción ao castelán, a obra comezou a adquirir unha grande proxección, marcando o acento dunha época da poesía na nosa lingua (páx. 278).

Xa que logo, polos testemuños e documentos, podemos fixar a experiencia que motiva o poema Longa noite de pedra e mais tamén como se artellou o poemario do mesmo título, onde é fundamental a participación de Fernández del Riego, non só como instigador a publicar, senón tamén como antólogo, pois elixe os poemas que se editan xunto co autor, e mesmo di que se fan correccións, posiblemente inducidas tamén por Fernández del Riego. Por outra banda, informa sobre a difícil difusión que o poemario tivo na súa primeira edición e se a alguén lle temos que facer caso é precisamente ao responsable da editorial que o publica.

Mais o poema Longa noite de pedra ten acertos que o converten nun texto poético para min de primeira orde. Neste sentido temos outra testemuña que nos fai pensar que o poema algo ten, á parte do seu valor político, social ou cívico. Como xa indicamos noutro artigo anterior publicado neste mesmo blog, a gran difusión da obra de Celso Emilio debeuse en parte a que os seus poemas foron musicados e cantados por Voces Ceibes, comezando polo propio “Longa noite de pedra”.

Neste sentido Vicente Araguas, membro de Voces Ceibes, escribe no seu libro autobiográfico Voces Ceibes (Edicións Xerais de Galicia), lembrando o célebre concerto de Voces Ceibes no 68 na Facultade de Medicina de Santiago e falando do éxito que tiveron as cancións: e sobranceiramente, “Longa noite de pedra”, solemnemente interrompida na súa interpretación polas campás do veciño Convento de San Francisco, esconxuradas para bater con ladaíña triste, cando Xavier salmodiaba I eu morrendo/nesta longa noite de pedra. Para min, este foi o momento máis catártico do recital, cando ao chou estalou a conxunción sonora: voz, aplauso, guitarra, poema e campá. Todo un símbolo (páx. 88).

O primeiro acerto do poema, desde o meu punto de vista, é a súa estrutura circular, posto que comeza e remata co mesmo sintagma. O primeiro sintagma é o título (“Longa noite de pedra”) e o derradeiro sintagma do poema volve ser “longa noite de pedra”, mais disposto no que os preceptistas chaman un encabalgamento sirremático, posto que o complemento de pedra forma o derradeiro verso e queda separado do seu núcleo nominal noite, que é a derradeira palabra do penúltimo verso. Mais no corpo do poema esta palabra ou sintagma nuclear só aparece esta vez, ademais do título do poema.

Pola contra, a palabra que se reitera máis e pedra, que sen contar a súa presenza no título, aparece ata seis veces nun poema que podemos considerar breve. Se o poema presenta en total dezanove substantivos (contados os que se repiten), pedra aparece seis veces, co que pedra supón un 31,6% dos substantivos que aparecen no poema.

Volvemos ao símbolo da noite. Desde a Biblia a noite oponse ao sol, ás tebras, á luz. Os místicos relacionan a noite coa ausencia de Deus, co pecado. Mais na tradición literaria, comezando pola propia mística, a noite tamén é o momento en que se reflexiona ou un se atopa consigo mesmo. A noite, na tradición filosófica pitagórico-neoplatónica, é tamén o tempo da inspiración e da meditación. E ese sentido aparece tamén no poema de Celso Emilio. A noite é o desamparo, a soidade, o medo á represión, mais tamén esa noite non é eterna, sempre despois da noite chega o día e mesmo nesa noite decatámonos das condicións en que vivimos. Por iso, o lector ou receptor do poema sente a noite con ambivalencia: é negativa, mais non é eterna, pois á noite sempre lle segue a luz. Por outra parte, fainos meditar e enfróntanos con nós mesmos e cos nosos problemas e angustias, mesmo co pasado, mentres proxectamos o futuro. Esa interpretación da noite-sombra como medo, mais tamén como reflexión e volta ao pasado está tamén nos románticos alemáns como Novalis ou Hölderline, que consideran a noite como o espazo temporal misterioso onde o corazón conecta co pasado, visto fundamentalmente como dor, mais tamén aberto á luz do mencer. Mais a palabra noite, que dá título ao poema e mais ao libro, se descontamos o título, só aparece no remate do poema, como xa indicamos, producindo esta sensación de circularidade.

A palabra que aparece ata seis veces é pedra. A pedra simboliza o frío, a insolidariedade, a indiferenza, a dureza fronte ao sufrimento alleo, a imposibilidade de fuxir dun espazo pechado… É peor ca a noite, pois esta remata co día, por moi longa que sexa. Mais a pedra, que pecha todo, pode converter, como nos calabozos, o día en noite. Velaí o acerto do poeta: esta combinación da noite coa pedra.

Se o encabalgamento sirremático salienta pedra no sintagma longa noite/de pedra que remata o poema, ao longo do texto o autor emprega outros recursos para destacar pedra. Así esta palabra remata o primeiro verso e comeza tamén o segundo. Estamos ante o que a retórica designa como reduplicatio ou anadiplose. Esta repetición da palabra pedra reitérase como ánafora no verso 4 e cun paralelismo sintáctico desde o verso 6 ao 5, aínda que na última oracións dos versos 4-5 desaparece o verbo copulativo. A orde sintáctica nestes versos 2-5 é atributo-suxeito. Nos versos 6-10 segue o paralelismo sinónimico baseado na pedra, mais recupérase a orde sintáctica lóxica de suxeito-verbo copulativo-atributo. Por outra banda, o suxeito da oración comprendida entre 6-11 é unha enumeración caótica asindética (co que o lector pode incluír intuitivamente máis realidades), onde reaparece pedra como remate do verso 11, co que se produce non só un efecto de retrouso, senón tamén unha ordenación do poema a través dunha anadiplose imperfecta entre os versos 2-4 e os verso 11, que se continuará nos 16 e 19. Os primeiros once versos presentan unha sintaxe rápida e dinámica cun predominio absoluto dos substantivos. Pola contra, desde o verso 12 ao remate (verso 19) o ritmo sintáctico remánsase cunha oración de relativo, a presenza de dous adverbios e mesmo o emprego do xerundio, forma durativa por excelencia. Coincide ademais este remanso sintáctico coa aparición do eu lírico e coa meditación deste eu sobre a súa situación.

Por outra banda, o poema emprega unhas visións, imaxes visionarias e símbolos que conectan co inconsciente colectivo, pois a mentalidade popular relaciona a noite e mais a pedra co medo ou cando menos coa prevención. Pertencen aos mitos instalados no inconsciente colectivo, como se testemuña na mitoloxía popular galega e ata na fraseoloxía. A noite é o tempo das bruxas, dos trasgos, de Satán, da Santa Compaña… O día e a luz son o ámbito dos vivos. Mesmo a expresión popular estar coma unha noite significa ´estar triste e melancólico´ ou noite de lobos, asocia a noite co tamén medo mítico ao lobo. A pedra pola súa banda é o símbolo negativo do frío, a pechazón e sobre todo da insolidariedade e da falta de simpatía cara ao outro. A fraseoloxía dános de novo a pista: abrandar/facer chorar as pedras, ser duro coma as pedras, frío coma unha pedra, xorda coma unha pedra… De aí a impresión que nos producen as olladas ou os corazós dos homes de pedra.

Máis arriba falabamos da tremenda impresión que lle producía a Araguas e aos asistentes do concerto da facultade de Medicina de 1968 o ritmo do poema de xeito que o emparellaban co das campás. E que outro acerto do poema é o seu ritmo trocaico, que lembra o cunha campá que tocase a morto.

Non obstante, o poeta que nos tempos da guerra ou inmediatamente posteriores crea este poema, segundo el mesmo declara e vimos polos seus propios testemuños (máis declaracións sobre a época da escrita dos poemas de Longa noite de pedra podémolos atopar en Conversas con Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás, publicado tamén en Xerais, que sitúan os poemas na mesma guerra ou na inmediata posguerra) é tamén o home que aparece na listaxe de membros do partido Falanxe Española, que contribuíu a crear esta longa noite de pedra. O recente libro de Gonzalo Amoedo López, A memoria e o esquecemento. O franquismo na provincia de Pontevedra (Xerais), ofrece un apéndice coa listaxe de milintantes falanxistas da Pontevedra da inmediata posguerra e alí aparece Ferreiro Míguez, Celso Emilio, empregado Fiscalía Taxas (páx. 442).

Alonso Montero en Os escritores galegos ante a guerra civil española (Galaxia) reproduce o poema de Celso Emilio Prisioneros, publicado en El Compostelano, o 4 de novembro de 1937. Este poema pasará a figurar nunha das antoloxías poéticas que por aqueles anos se facían en loanza do franquismo: Lira bélica (Antología de los poetas y la guerra), como tamén sinala Alonso Montero no mesmo volume.

Se comparamos o poema castelán, o romance,“Prisioneros”, con “Longa noite de pedra”, vemos algunha coincidencia. Os dous poemas tratan un mesmo tipo literario, o do prisioneiro. O prisioneiro é un tipo literario co que todos estamos familiarizados, mesmo desde a idade escolar, tanto no sentido literal coma no metafórico (quen non leu nos anos escolares o “Romance do prisioneiro” castelán ou os textos místicos do corpo ou mesmo o mundo como prisión dos sentidos?) Mais a prisión, como acontece en “Longa noite de pedra”, sempre é negativa. Non obstante, no romance franquista “Prisioneros” os vencidos son recibidos, dun xeito evanxélico, polos franquistas como os fillos pródigos que regresan á casa do pai: “Venid, los hijos perdidos; venid aquí, descarriados. Dun xeito tamén evanxélico, o sangue dos franquistas, como un novo sangue de Cristo serviu para os recuperar: ¡La sangre de nuestros héroes / os tiene recuperados! O romance presenta así mesmo unha serie de recursos que xa vimos en “Longa noite de pedra”. Así no comezo do poema aparece a anadiplose (Van llegando los vencidos / los vencidos, van llegando). O poeta manexa adecuadamente o ritmo sintáctico cunha sintaxe lenta con abundancia de repeticións, adxectivos, circunstanciais ou caracterizacións, así como a perífrase de xerundio, que suxiren a lenta e traballosa chegada dos prisioneiros. Usa imaxes visionarias e símbolos que nos lembran de novo o poema galego. Os ollos dos prisioneiros son grutas de medo. Os franquistas son a luz á que chegan os prisioneiros despois da noite en que viviron e chegan por unha carretera blanca (les damos luz y pan blanco). O pan blanco identifícase coa relixión católica: el blanco pan de Dios. O poema remata tamén dunha forma circular co Van llegando los vencidos / los vencidos van llegando, mais os dous versos anteriores son ¡Viva España, camaradas!/ ¡Camaradas, viva Franco!. Reparemos na perfecta conxunción que acada o poema entre falanxismo e nacionalcatolicismo.

O poeta que di, en galego, vivir polo mesmo tempo nunha longa noite de pedra, en castelán proclama que esta noite é realmente unha estrada de luz o os prisioneiros non son recluídos en calabozos escuros e de pedra, senón que son recibidos por caritativos caballeros, que os acollen como hijos perdidos, descarriados e recuperados pola sangue dos caídos franquistas, nunha sorte de redención católica volta ao político-falanxista, como os místicos volvían ao divino a poesía amorosa: ¡La sangre de nuestros héroes / os tiene recuperados.

Alonso explica este poema de Celso Emilio como xurdido polo afán de zafar da represión franquista de quen fora caracterizado membro das Mocedades Galeguistas. Mais o libro devandito de Gonzalo Amoedo López preséntanos un Celso Emilio, na década dos corenta, como falanxista e plenamente integrado no sistema como funcionario da Fiscalía de Taxas de Pontevedra.

Co gallo da dedicación do Día das Letras a Celso Emilio, Edicións Xerais presentou unha fermosísima e utilísima Celso Emilio Ferreiro. Unha fotobiografía (1912-1979). Como é sabido Celso Emilio foi fundador e director de Guieiro. O número do 1 de decembro de 1935 reprodúceo esta fotobiografía onde atopamos un artigo en portada titulado “Porque non berramos ¡Viva Hespaña! Se seguimos examinando esta fotobiografía, nas follas dedicadas ao período pontevedrés de 1940 a 1950 vemos unha imaxe pública de Celso Emilio como intelectual ao servizo do franquismo, ou polo menos colaborando con el. Así aparece na foto de conferenciante diante dunha mesa de autoridades presidida polo gobernador civil da provincia de Pontevedra, o fiscal se taxas e mais dúas autoridades militares. Pola foto parece que os dous primeiros visten a camisa azul falanxista. Así mesmo reproduce esta coidada fotobiografía a primeira páxina do número 1 da revista Finisterre, de setembro de 1943, cuxo redactor xefe era Celso Emilio. No recadro de presentación da portada podemos ler como derradeiro parágrafo: Al salir a la luz, saludamos brazo en alto al Caudillo, Capitán de la Patria, y a las autoridades y a la prensa nacional.

Como conciliar estas posturas antitéticas? Cando explicamos a literatura temos que fuxir tanto das posturas haxiográficas como tamén das demonizadoras. Os escritores, como calquera outra persoa, teñen que vivir o día a día, atopar un traballo, acadar un soldo, conseguir ver publicados os seus escritos na prensa ou nas editoriais do momento e iso condiciona. Por outra banda, nas situacións de ditadura e persecucións terribles como foi a franquista da guerra e sobre dos anos corenta, ninguén quere morrer e ninguén está obrigado a ser heroe as vinte e catro horas dos trescentos sesenta e cinco días do ano. Sen dúbida ningunha en Celso Emilio Ferreiro, escindido entre o poeta en galego que sofre a longa noite de pedra do franquismo e o Celso Emilio poeta gabador do franquismo en castelán ou mesmo falanxista, dáse o que tan ben estudaron na etapa da Inquisición Américo Castro ou Bataillon cos criptoxudeus ou cos erasmistas. Para poder vivir, traballar, mesmo para salvar a vida cumpría presentar unha imaxe pública de católico fervoroso, mais outra cousa ía por dentro.

Eu coido que o mesmo acontece no caso Celso Emilio. Claro que os afeitos á haxiografía lles gustaría máis o heroe, mais non é pouco padecemento e tremenda noite de pedra facer e escribir unha cousa en público, para zafar da morte e da persecuión ou simplemente para poder vivir, ter un traballo, que os fillos non sufran atrancos por seren fillos dun roxo ou separatista e escribir outra en privado, onde un se manifesta como realmente é. En próximas entregas tentaremos unir esta postura co chamado entrismo ou posibilismo nos anos do franquismo, que permitiron que se comezasen a publicar textos en galego ou coleccións como a Benito Soto, na que foi figura fundamental Celso Emilio Ferreiro.

Con este artigo, propoñemos así mesmo que neste ano Celso Emilio se explique a obra do poeta no seu tempo en institutos e colexios fuxindo tanto da haxiografía como da demonización e usando os materiais que están ao dispor de todos nós como as edicións que citamos, libros de conversas, fotobiografías e demais elementos, para que o alumnado lea, relacione e forme unha opinión de seu.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!