Menu Xerais

Centenario de «Vento mareiro», de Ramón Cabanillas

O pasado primeiro de marzo cumpriuse o centenario da publicación de Vento mareiro de Ramón Cabanillas, unha das figuras chave da literatura galega do século XX. Vento mareiro editouse dous anos despois de que o poeta do Salnés se dese a coñecer con No desterro (1913), o seu primeiro poemario.

Publicado en 1915, Vento mareiro é o libro de poemas de referencia dese escritor que, daquela, emerxía para a literatura galega. Ramón Cabanillas (1876-1959) foi unha figura clave da literatura galega e a súa obra obtivo axiña tanto o recoñecemento popular, como académico. Non en van, a obra de Cabanillas modernizou a poesía galega do momento e significou un verdadeiro revulsivo literario.

En Vento mareiro estamos ante un libro que constitúe unha verdadeira encrucillada porque dá conta de todas as liñas que se prolongan no tempo na obra do autor cambadés. Desde a pluralidade temática e compositiva, Cabanillas atesoura neste libro a dicción contida, a chamada á loita agraria, pero tamén a sentimentalidade tardorromántica e idealista. Pertence, este título tan emblemático, a unha etapa do poeta caracterizada pola poesía cívica, reivindicativa e anticaciquista. De certo, Ramón Cabanillas foi poeta cívico e, ao tempo, lírico e culturalista. A súa obra situouno indiscutiblemente como unha das voces imprescindibles da nosa mellor poesía de sempre.

A coidada edición de Vento mareiro que publicou Xerais na colección Biblioteca das Letras Galegas foi responsabilidade do poeta Ramiro Fonte. A edición que está incluída na súa Poesía galega completa (publicada na colección Clásicos) foi preparada polos especialistas e profesores de literatura Xosé Ramón Pena e por Xosé María Dobarro e revisa e actualiza os textos e o seu peso literario.

Manuel Bragado, director de Xerais, tamén publicou en Brétemas un texto sobre o centenario que pode lerse neste enlace.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Deixa un comentario!