Menu Xerais

Chegan os Hematiños do Hematocrítico e Alberto Vázquez: «Un can» e «O meu irmono». Anotación de Manuel Bragado

O editor Manuel Bragado publicou unha anotación no seu blog Brétemas sobre os libros: Un cane O meu irmono, de O Hematocrítico, con ilustracións de Alberto Vázquez, publicados por Xerais na colección: Pequeno Merlín.

 

Un can’ e ‘O meu irmono’, de O Hematocrítico e Alberto Vázquez

 

Unha das mellores novas da nosa lix recente foi a incorporación ao seu catálogo do Hematocrítico e de Alberto Vázquez, dous xenios desbordantes,  autores da deconstrución retranqueira dos contos clásicos. Mellor noticia aínda é a publicación das dúas primeiras entregas da serie Os Hematiños, Un can e O meu irmono, creadas para incorporarse ao catálogo do prelectorado de Xerais.

O dereito a ser diferente e as diversas formas de ver ao mundo son as temáticas destes albumciños acartonados e de cantos curvados onde cada escena ofrece á prelectora variados e sorprendentes estímulos para a súa lectura visual e textual. Nestes dous primeiros hematiños, o Hematocrítico e Alberto Vázquez xogan no seu territorio máxico preferido, tamén para eles o máis estimulante, o da ambigüidade sensorial, onde abrolla o humor sen correccións e onde se facilita a construción do pensamento crítico. Un territorio onde os que semellan ovellas poden ser cans, e onde os que parecen humanos non o son tanto.

A edición moi coidada, tanto no que atinxe ao formato, a escolla tipográfica con intencionalidade didáctica como a de materiais e acabamentos, os textos e as ilustracións urdidos en idéntica intencionalidade comunicativa, con presenza de onomatopeas e palabras chave, así como as secuencias narrativas sempre significativas fan destes hematiños un dos mellores proxectos de colección para o neolectorado que lembro na edición galega da última década. Parabéns á editora polo coidado da edición e a Miguel e Alberto por tan excelente resultado creativo.

Manuel Bragado

Comentarios pechados