Menu Xerais

«Cita en Fisterra«, de Luís Rei Núñez: un orixinal libro de viaxes de lectura obrigada. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre Cita en Fisterra, de Luís Rei Núñez.

Camiñando pola Costa da Morte

Rei Núñez preséntanos, tras as moi boas achegas de Lugrís e a negra sombra (2007) e O señor Lugrís e a negra sombra (2007), un libro de viaxes pola Costa da Morte. Na tradición clásica do libro de viaxes o viaxeiro presenta unha paisaxe, uns costumes e ata uns tipos que son absolutamente descoñecidos para o lector. Mais Rei Núñez renova o xénero, porque el conta cun lector que ten un coñecemento mínimo da Costa da Morte grazas aos medios de comunicación social, pois esta comarca (lembremos os frecuentes naufraxios, o caso do Prestige, os percebeiros desaparecidos…) está case todos os días nos medios. El parte deste coñecemento do lector e aí acerta e innova.

O libro aparece dividido en sete capítulos titulados acaidamente xornadas. Neses sete días o viaxeiro percorre a devandita comarca da Costa da Morte. O viaxeiro non é alguén alleo ao medio que describe, como adoita acontecer no libro de viaxes clásico. É alguén enraizado familiarmente nese medio e que ata ten alí unha casa. Fala desde dentro do medio e non desde fóra. Niso diferénciase dos relatores do libro de viaxes clásico. Mais tamén, como xa dixemos, parte do coñecemento previo que o lector ou receptor ten da Costa da Morte e profunda nos aspectos máis espallados polos modernos medios de comunicación social: os naufraxios e temporais, o Prestige, a pesca, personaxes da zona que acadaron certa sona mediática (Man, por exemplo). O lector coñece de pasada o medio ou os personaxes, por velos na televisión mentres xanta, nos telexornais, en reportaxes ou mesmo escoita falar deles cando vai no coche e leva prendida a radio. Mais é un coñecemento que non permite a consulta, a volta atrás. O libro é realmente unha volta atrás, unha relectura (esta vez en libro) para quen xa coñece, polos medios e fragmentariamente, a comarca. Este é para min o grande acerto e tamén a orixinalidade do libro.

O autor paso a paso describe, selectivamente e non exhaustivamente, paisaxes, actividades económicas, historias, costumes ou mesmos tipos característicos e personaxes da comarca. Esta selección é outro acerto. Non pretende ser exhaustivo, senón representativo e coidamos que acerta. Non faltan reflexións ensaísticas e críticas sobre a Galicia actual: a explotación depredadora que acaba co medio e non proporciona os desexados postos de traballo, o feísmo arquitectónico, as dificultades de quen queira vivir da literatura sen recorrer ao ensino, ao xornalismo ou a outra profesión alternativa, a memoria da represión do 36, o labor pedagóxico dos indianos… Mesmo se fai referencia aos últimos movementos poéticos galegos.

A lingua do libro resulta apropiada para o tema. O autor emprega un rexistro que nos lembra o da reportaxe, con oracións breves e de orde lóxica e con parágrafos que non adoitan pasar das cen palabras significativas, que fan doada e agradable a lectura. Utiliza neoloxismos moi expresivos e xa hoxe de uso común como feísmo, mais tamén emprega outros moi rechamantes como formigonar (páx. 135) para referirse ás masas de cemento que cobren moitas das nosas paisaxes. Máis por afán de divulgación da norma e do estándar académico (e ata para suscitar comentarios a prol ou en contra del) ca por outra cousa comentaremos algunhas escollas lingüísticas do autor. Emprega o incorrecto, desde o punto de vista académico, roce (s.m. páx. 115) no canto de rozamento. Así mesmo aparece a expresión lombo ibérico. Neste caso a proposta académica, recollida polo Superdicionario galego-castelán de Morgante, é raxo/lombelo ibérico. Ben é certo que o Gran Xerais, contra o parecer da RAG, admite lombo como sinónimo de raxo/lombelo. O único dicionario de erros e dúbidas hoxe á venda en galego (o Galaxia de dúbidas e dificultades) incita neste a caso á confusión, como adoita acontecer nalgunhas das súas entradas. Acepta lombo como sinónimo de raxo, máis colócalle o asterisco de incorrección á expresión *carne de lombo de porco. Por outra banda, o autor usa varón (páx. 186) incorrectamente como sinónimo de ´home´. Tanto a RAG como o Gran Xerais consideran incorrecta esta acepción. Mesmo o Gran Xerais marca esta entrada de varón co asterisco de incorrección.

En fin, deixándonos de leas filolóxicas, a lectura deste orixinal libro de viaxes é obrigada. Por outra banda, moitos dos seus parágrafos poden ser utilizados para textos de comentario nas clases de Secundaria e Bacharelato de moitas materias, sen excluír as de ciencias (polas referencias, por exemplo a Parga Pondal, aos minerais da zona e á súa explotación).

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!