Menu Xerais

Co poder da ilusión: «O misterioso Dr. Saa» e a maxia en Galicia. Reportaxe de Montse González

Montse González publicou onte no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo publicou, unha reportaxe sobre  O misterioso Dr. Saa, libro que publicou Xerais, subtitulado A historia do Conde de Waldemar, ilusionista, prestidixitador e telépata, de Xosé Díaz Díaz e Belén Fernández Guzmán, así como da situación da profesión da maxia en Galicia hoxe

Magos de noso

Co poder da ilusión

Alcumábano “mago de reis e rei dos magos.”Percorreu o mundo presentándose como profesor de Ciencias Físicas pola Escola Máxica de París ou como Mago e Ilusionista da Real Casa Española, entre outros rechamantes títulos. Foi admirado en toda Europa, en Asia, en América, e mesmo cualificado de“heroe nacional”. Mais,cara ao final da súa carreira, –viviu case cen anos–,foi case esquecido. Chamábanlle Dr. Saa ou Conde de Waldemar, aínda que fora bautizado, na súa aldea natal, Bagude, situada entre Portomarín e Guntín, como Manuel Rodríguez Saa. E foi o primeiro mago galego de sona internacional.

Os profesores Xosé Díaz e Belén Fernández recolleron a súa historia no libro O misterioso Dr. Saa, editado por Xerais. Un rapaz emigrante que soñaba con volver á súa vila natal con cartos e tirando foguetes. E así o fixo.Aprendeu a profesión observando, e introducíndose no mundiño do espectáculo na bohemia París de primeiros do século XX. Era o tempo dos grandes mestres, como o popular Houdini. Viviu entre os anos 20 e 40 a súa mellor etapa artística. Actuou en Costa Rica, Estados Unidos, Venezuela, Porto Rico, Inglaterra, Bélxica, Alemaña, Singapur, Borneo, Cidade do Cabo, Xapón… Mesmo salvou a vida na Segunda Guerra Mundial ao ensinar, en Filipinas, a súa fotografía co emperador Hiro Hito aos soldados xaponeses.

Algúns magos galegos aínda o lembran. Un deles é Carlos Coira, membro da asociación lucense que leva o seu nome: Colectivo Máxico Waldemar.“Eu era moi pequeno, e el xa era moi maior: a artrose deformáballe as mans. Aínda conservo o billete de cen pesetas que fixo aparecer nas miñas. Foi un alucine”, conta. A cidade da muralla é, precisamente, sede dun dos eventos máis importantes de Galicia na arte do ilusionismo, o Lugo Máxico, que celebrará en maio a súa novena edición –o ano pasado suspendeuse por primeira vez–.“O Lugo Máxico vén do Mes da Maxia que se celebraba no Mesón do Forno. Desde hai dez anos comezouse a facer o Lugo Máxico, co apoio do concello. Despois comezou a facerse o Compostela Máxica, trasladando a Santiago a mesma idea. O Lugo Máxico é o que máis tempo leva, e funciona moi ben”, subliña Coira.

Porque despois do Dr. Saa viñeron moitos máis ilusionistas.Rafa ou Teto, só por apuntar dous exemplos. E hoxe, –salienta o presidente da asociación Magos Profesionais de Galicia, Cayetano Lledó–,“noutras comunidades autónomas quedan abraiados coa cantidade de magos por metro cadrado que temos aquí”. Os magos Antón, Romarís, Kiko Pastur, Anyo, Norberto, Cali, Román García, Martín Camiña, Vituco, Richard, Benxamín, Pablo e Javier Muro forman parte tamén deste mesmo colectivo.

“Hoxe temos un sector profesionalizado.
E isto permítenos traballar con facturas, facer espectáculos de maior formato; temos un maior recoñecemento social… Estamos na Rede de Teatros ao lado das compañías de teatro, títeres, música… É certo que agora hai recortes en Cultura e retrasos nos pagamentos de Agadic, pero seguramente tampouco teriamos chegado á situación de desenvolvemento e especialización que temos hoxe sen o apoio da Xunta”, opina Lledó.

O mundo da maxia muda, coma calquera outro tipo de arte escénica.“Agora con Internet tes todo ao alcance da man. Pero eu creo que falta innovación, risco, polo menos no xeito de presentar os espectáculos. Ves magos novos que son magos clásicos…”, pensa Coira. Lledó considera “moi difícil” innovar na técnica, aínda que valora a combinación con outras disciplinas artísticas como o teatro, para facer máis atractivo un “show cuxo obxectivo é divertir, sorprender. O mellor é cando o público queda tan abraiado que xa nin se pregunta como o fixeches. Cando din, “é maxia”, asegura.

Montse González

 

Comentarios pechados