Menu Xerais

Coas mellores resonancias das vellas cancións: «Como en Alxeria», de Xosé Ramón Pena. Crítica de Armando Requeixo

Armando Requeixo publicou unha recensión crítica de Como en Alxeria, de Xosé Ramón Pena nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, baixo o título «Canción de Alxer».

 

 

Canción de Alxer

Os relatos sobre o noso pasado, mesmo o máis inmediato, cangan adoito cunha preocupante limitación: só ven polos ollos do ‘oficialismo’, de xeito tal que, todo aquilo que puido ser e incluso foi pero que non se inseriu na órbita do que finalmente se deu por crónica ortodoxa dos feitos, pasa a considerarse simplemente non existente ou, no mellor dos casos, unha anécdota esquecible.

Entendo que só dende a comprensión plural desta realidade pode chegar a interpretarse con proveito unha novela como a que nos ofrece o narrador, ensaísta, profesor e xornalista Xosé Ramón Pena: Como en Alxeria, unha das últimas apostas narrativas de Edicións Xerais.

Ambientada na Galicia dos primeiros sesenta, coa revolución castrista e as loitas pola independencia de Alxeria como pano de fondo e aínda paradigma no que a mocidade antifranquista de aquí tenta ollarse, Como en Alxeria é, antes nada, a escenificación dun impase, dunha fractura, dunha falla na placa tectónica da historia de noso que pechou en falso.

A intelligentsia galeguista liderada por Ramón Piñeiro acabou por impoñer as súas teses culturalistas laminando toda a disidencia partidaria dunha acción máis comprometida politicamente e, por suposto, máis intervencionista, unha oposición que demandaba accións públicas contundentes, xestos antisistema que os dese a coñecer e os significase na liña do derrocamento daquel que se consideraba denigrante réxime.

Esa encrucillada histórica, esa pugna pola máis decidida intervención física fronte á pasividade intelectual da resistencia pola que avogaba o piñeirismo é o escenario polo que deambulan personaxes como o mozo activista Xosé Ánxel Viana ou a rebelde actriz mexicana Paloma, indisolublemente vencellados nun mundo avolto no que os seus camiños se cruzan sinuosos.

Mesturando historia e personaxes reais con outros episodios perfectamente ficcionados, moitas destas páxinas inzan de trasuntos de persoas ben coñecidas que alimentan feitos e caracteres de xeito moitas veces inexorable: os Brais Pinto, o amentado Piñeiro e varios outros mozos e mozas galeguistas dos sesenta atravesan a escena de Como en Alxeria para entretecer con acerto historia real e discurso ficcional nun empastado no que o máis suxestivo provén do plausible das zonas da indefinición e as pregas escuras que a historia oficial deixou e que aquí son reconstruídas habilmente.

Mérito non menor é tamén a inserción dunha poderosa fía amorosa nesta trama, que reborda sedución para regalarnos un personaxe complexo, sutil, decidido e subxugante como é Paloma.

Narrada espremendo as posibilidades todas do subxénero dialogado, fincando decididamente na intervención directa dos personaxes e nas súas palabras como cerna de moitas páxinas, Como en Alxeria é novela de reflexión que ha agradar, sobre todo, aos interesados neste difícil episodio do noso pasado. Neste sentido, aínda que pode lerse con agrado por aquelas e aqueles menos familiarizados coa intrahistoria do galeguismo de Preguerra, é certo que só os que sexan sabedores das interioridades do entón acontecido tirarán da obra un plus significativo e cómplice.

Coas mellores resonancias das vellas cancións —como aquela ‘Ya Mustapha’, tan coñecida naquel tempo e popularizada entre nós por José Guardiola, aínda que gravada orixinalmente por Bob Azzam—, a banda sonora desta narrativa canción de Alxer ha gustar tanto aos independentes que ven con xuízo crítico ponderado os pros e contras da etapa piñeirista como desapetecerá aos apegados ao discurso da emblemática Editorial Galaxia, que non publicaría un libro como este, aínda que tivese a oportunidade, pois nunca apaixona a opinión libre a quen se sitúa en posición de débeda memorial.

Ousada, atrevida e sempre consistente, Como en Alxeria de Xosé Ramón Pena é novela que moito prestará a quen queira ollar con novos óculos un tempo e unha historia densamente complexos e cativadores.

Armando Requeixo

Comentarios pechados