Menu Xerais

Comprometerse coas causas xustas supón peaxes moi altas, pero a única que non debemos estar dispostos a pagar é a da nosa propia memoria: «Lapis na noite», de Ramón Nicolás. Crítica de Diana Pastoriza

O blog Palabras de man ao corazón, de Diana Pastoriza, publicou unha recensión sobre Lapis na noite, de Ramón Nicolás.

Words in books: Lapis na noite

Hai pouco máis de dous anos falábavos nesta entrada d’O espello do mundo (2016) e hoxe é con pracer que falamos de Lapis na noite (2018) de Ramón Nicolás.

Ambientado entre o presente e 1976 e 1983, durante o “Proceso” arxentino que segou unhas 30.000 vidas, a novela constitúe un relato fascinante do que supuxo ser disidente no que se considera a ditadura máis sanguenta e brutal da historia do país.

Un testemuño en forma de escrito que parece ser non só unha teima de Ramiro (p.45), senón do propio Nicolás. Nel atopamos unha ollada limpa que “con luminosidade e transparencia” (p.110) marcha do “Vigo escuro de posguerra” (p.189) nun tempo no que aínda había moito medo (p.35) cara ao Buenos Aires da emigración, dos barrios galegos coma o de San Telmo, do “Centro de Almaceneros” (p.82) e do lunfardo (p.42).

Con esa ollada limpa relata e refire sen demorarse na negrura e a desolación, nas “lamas do peor da condición humana” (p.139) de Remus Tetu, do secuestro de nenos, a eliminación de “xornalistas desafectos” (p.96),  o Plan Cóndor (p.91), a Operación Claridade (p.146), os corpos lanzados ao mar ou incinerados na Chacarita (p.108), os chupaderos (p.138), cárceres, campos de concentración,  torturas e asasinatos. Moi ao contrario, conta desde a xenerosidade que garda “o ferrado de esperanza nos corazóns” (p.76) e consegue enchoupar a retina con pasaxes líricas coma a descrición da paisaxe da Patagonia (p.78), o paseo de Iria e Hugo pola Playa Chisca (p.105), a lenda do xacarandá (pp.128-129) e mesmo o proceso de tortura (p.165).

A “Noite dos Lapis” (p.136) é crucial e dela trata a novela, pero alén disto, Lapis na noite  dá unha volta máis e recórdanos que “estamos feitos de anacos de memoria, e esta nunca esquece onde comezou a tomar forma” (p.70),  que de nada vale amputar e borrar (p.47) convencéndonos de que o que non se recorda, non existiu (p.37) pois “as raíces non son fáciles de arrincar, nunca” (p.38).

Comprometerse coas causas xustas conleva peaxes moi altas (p.68) pero a única que non debemos estar dispostos a pagar é a da nosa propia memoria. Só os/as que se aferran a ela, esas figuras persistentes e heroicas coma as nais e avoas de Mayo, coma Carmen Cornes (p.167), poden reivindicar a súa propia dor contra o esquecemento e o silencio e saír da néboa do terror.

E unha vez recuperados os meandros da memoria, pórlles palabras. Se no réxime os libros desapareceron ou se prohibiron (p.143) tamén houbo quen se refuxiou neles, nese ronsel marabilloso “de palabras non oficial, clandestino, plural e fermoso” (p.63). Paralelamente, se ben os medios da época recorreron á conspiración da negación, cómpre que nós deixemos caer os recordos, coma a flor violeta do xacarandás, e os verbalicemos, abrindo de vez a caixa negra da memoria.

“Os militares foron moi conscientes do valor que encarnaba a manipulación informativa, do valor que atesouraban as palabras, dándolles a estas outros sentidos, chamando as cousas doutro xeito” (p.183)

“… a rabia escoa a través das palabras que risco e, dalgún xeito, queda aí prendida. Descoñezo se isto é o que fan os escritores cando tratan estes temas emocionais: algo semellante, paréceme, ao que denominan como o fin terapéutico da escrita. É posible curar as feridas coa palabra? Tampouco o sei” (p.137)

Deixa un comentario!