Menu Xerais

«Conexión Tubinga», crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou o pasado sábado no suplemento «Culturas« de La Voz de Galicia unha crítica sobre Conexión Tubinga, a novela de Alberto Canal finalista do Premio Xerais 2008.

A BUSCA DA PROPIA LIBERDADE

Non debería omitirse un comentario a unha novela aparecida hai xa algúns meses nas nosas librarías. Trátase de Conexión Tubinga, ópera prima dun autor que, con esta proposta, entra no noso sistema literario exhibindo uns criterios de calidade e de orixinalidade que ben cómpre salientar.
Malia a sensación de que o lector se enfrontará a un texto con arrecendo a dejà vú, dominado polas sospeitas e conxuras medievalistas, nada disto se atopará e, antes ben,  sorprende a súa solidez e, nalgunha medida, a súa singularidade, deixando que argumentalmente nos internemos polos vieiros dun  suposto conflito ou complot teolóxico actual no que ten moito que ver Tubinga e o seu centro de formación católica conservadora. Porque de catolicismo, e do amplo abano de doutrinas de pensamento dentro da Igrexa católica, nos fala este libro aínda que, ao meu ver, o verdadeiramente crucial desta historia o transluza o percorrido que o protagonista realiza, no medio de condicións moi adversas, de traizóns e enganos, cara a conseguir a súa propia liberdade.
Conexión Tubinga, deste xeito, revela ou desvela moitos aspectos que, para os leigos da materia, se revisten de interese, aínda que sexa soamente por asomarse a un mundo específico rexido polas súas propias leis; aspectos que igualmente deberían suscitar a atención a aqueles que poden estar máis involucrados nestes asuntos. A través das súas páxinas posibilítasenos o achegamento ás vivencias dun novizo nun seminario conciliar da vella Auria que, dun xeito casual ou polo seu propio carácter, vai verse inmerso nun torbeliño de acusacións e intrigas, provocando que nel medre unha confusión crecente cuxo elemento clave vai ser a prohibición da lectura do Existe Deus? de Hans Küng, teólogo enfrontado directamente coas xerarquías eclesiásticas dominantes. Velaí o nó da intriga, que permitirá acceder a un universo de relacións e de disensións que veñen de vello e que, na descuberta da cales, se disporá da oportunidade de coñecer ou recoñecer  a vida cotiá dos seminarios, as prohibicións e medidas coercitivas que neles aínda imperan, os férreos sistemas de control respecto da vida persoal ou as tensións doutrinais entre as diversas orientacións existentes, ata que o protagonista, logo de desafiar á autoridade, se vexa impelido a tomar unha decisión, por outro lado, bastante previsible.
Canal non esquece harmonizar a devandita intriga coas contradiccións de todo ser humano, de xeito que conviven nesta proposta o cotián coa teoloxía e a filosofía –non en van o protagonista, Tito Besteiro, dono dun destacado afán inquisitivo e dun espírito rebelde, adquire no novizado o alcume de Nietsche-, asomándonos así á figura do propio Jean Paul Sarte ou de Erich Fromm, e mais tamén a Raztinger, á Congregación da Doutrina da Fe e a outras institucións, sempre incorporadas ao discurso literario con naturalidade e verosimilitude.
En suma, unha novela estruturada con moito tino e cuxos contidos merecerían, penso, acendidos debates. Ademais, goza de pasaxes realmente conseguidas como as que reparan na descrición de Davinia, a panadeira do mosteiro, ou o segredo deste último no que un gato montés encerra a sorprendente clave da perpetuación da memoria. En definitiva, velaquí outra busca do arjé, da orixe das cousas, alén dos dogmas e rituais, algo que ao final se atopa no interior do personaxe de ficción. Proben e verán que non defrauda. Ramón Nicolás Rodríguez

Comentarios pechados