Menu Xerais

Contos de tradición oral popular de agora e de sempre: «Galicia Encantada», coordinado por Antonio Reigosa. Crítica de Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet unha recensión crítica sobre Galicia Encantada, o país das mil e unha fantasías, en edición de Antonio Reigosa, ilustrado por Noemí López.

 

 

 

Contos de tradición oral popular de agora e de sempre

Antonio Reigosa edita neste volume unha selección de contos de tradición popular de agora e de sempre. O bo do caso é que non só aparecen os contos tradicionais referidos a mouros/mouras, o demo ou seres máxicos como os tronantes, senón tamén as lendas urbanas actuais como pode ser a das Marías de Santiago ou o roubo de órganos humanos para transplantes.

O editor agrupa estes contos de tradición oral por temas en vinte e oito grupos. Así non faltan os tradicionais das augas e pedras máxicas, os cocos e monstros, o demo, a fauna máxica, olume, a morte, os seres míticos ou os tesouros.

Entre a morea de contos aquí antologados eu lin con especial delicia o da aviadora francesa que é confundida cun escoler (páx. 31) e como non, a lenda das Marías de Santiago, onde a realidade e a fantasía se mesturan coa traxedia e coa memoria histórica. Malia o seu machismo, segue tendo moito engado o conto de “O home, os animais e a duración da vida”. Para non termos medo, segue sendo moi acaída a fábula popular de “A pega e o raposo”. En canto aos animais, hai que ler os relatos referidos ao cuco e mais á donicela.

Entre os heroes e heroínas, “A capadora de Cuntis”, combina a fantasía e deformación da lenda coa crónica de sucesos dos xornais. Ademais, o “Romance del crimen de Cuntis”, aos que temos máis anos fainos lembrar estes romances que se vendían nas feiras sobre sucesos célebres. Eu, aínda teño por algún lado, conservado un destes romances, mercado na fin da década dos cincuenta na feira de Ribadavia, onde se relata o asasinato dun traballador pola súa muller envelenado, aos poucos, coa comida que lle preparaba para xantar no traballo. Xa que logo, algúns destes contos, lévannos aos máis vellos ou aos non tan novos a un tempo que xa non volverá. Mais os novos verán que tamén nós tiñamos os nosos contos e historias mesmo que non existise esa manía de mandar polo móbil este tipo de cousas.

Nalgún caso os lectores/as experimentamos o pracer de ver rexistrado en papel e na escrita algunhas historias que recibimos oralmente de nenos, cando máis impresionan estas cousas. Nos meus anos de neno viaxaba con frecuencia de Ribadavia a Vigo no tren e, ao ver o viaduto de Redondela, sempre algún maior contaba a historia do suposto suicidio do construtor ou arquitecto desta ponte polo medo que lle entrou de que non aguantase o peso do tren. Agora figura recollido aquí por escrito.

Os que viaxamos polas estradas atopamos as célebres zapatillas colgadas. O conto “A linguaxe das zapatillas (zapatos) penduradas (Shoefiti)” resulta máis ca conto unha xoida da divulgación etnográfica actual. Cando nas miñas moitas e habituais viaxes, atope algunha zapatilla ou zapato colgados sempre lembrarei esta lectura.

Por último, só me queda aconsellar vivamente a sección de Sabías que… Os remedios que alí se propoñen son ben paveros. Algúns de nós, os de máis anos, seguimos recorrendo a estes remedios, que aprendemos de cativos ao pé da letra. Así, por exemplo, a prescrición de non cortar as uñas en días con r, pois de o facer, sairían os garfos. O sentirse recoñecido ou reflectido no texto tamén é un pracer da lectura.

Xa que logo, acertada antoloxía do noso conto de tradición oral popular. O que queira máis contos deste tipo que consulte a enciclopedia virtual Galicia encantada. Cómpre ler así mesmo os moi bos prólogo e presentación de Xavier P. Docampo e do editor Antonio Reigosa, respectivamente. Tamén no eido da bibliografía, os enderezos de internet que nos permiten profundar no conto popular de tradición oral.

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados