Menu Xerais

Crítica de Alfredo Iglesias Diéguez sobre «A agonía do león», de Carlos Reigosa

No suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, publicouse onte unha recensión de Alfredo Iglesias Diéguez sobre A agonía do león, de Carlos Reigosa. Reproducímola integramente.

Año e león
Fundamental ensaio novelado

En Galiza ou León, territorios nos que os oficiais sublevados o 18 xullo de 1936 se fixeron co control das gornicións militares alí destacadas e, en apenas tres días –os tráxicos “tres días de Xullo, do 18 ao 21, da historiografía galega–, lograron facerse co control absoluto deses territorios, non houbo nin grandes batallas nin apenas frontes de combate –só as barricadas que durante uns poucos días puido levantar o pobo nalgunhas localidades, como en Lavadores–; non obstante, o acontecido eses días: a usurpación do dereito a defensa dun pobo que, a xulgar polos resultados electorais de febreiro de 1936,podía considerarse leal á República, iniciou unha longa guerra civil que se prolongou durante moitos anos (1936-1954), nos que a práctica do terror franquista –execucións extraxudiciais, desaparicións, violacións e torturas das presas e dos presos, depuracións do funcionariado leal á República…–, foi unha constante.

Precisamente nese contexto tan concreto, determinado pola imposibilidade de que aquelas persoas máis ou menos compremetidas coa democracia republicana puidesen defender, non só a legalidade vixente, senón mesmo ás súas propias vidas, foron moitas as persoas –sobre todo homes, pero tamén unhas poucas mulleres– as que se botaron ao monte para salvar as súas vidas: son os fuxidos.Non obstante, a partir dese primeiro grupo, que xurdiu espontaneamente por puro instinto de supervivencia –deslabazado organicamente, diverso ideoloxicamente e disperso xeograficamente–, organizouse,paseniño, un eficaz exército guerrilleiro, dotado dunha eficaz estrutura militar e un mando político unificado, durante os anos corenta, antes de que a dirección do Partido Comunista ordenase a disolución das guerrillas,nos primeiros anos da década dos cincuenta, ao renunciar á loita armada como estratexia política.

A traxectoria vital dun deses fuxidos de primeira hora, o berciano Manuel Girón Bazán, que co tempo foi quen de aglutinar ao seu carón un eficaz grupo guerrilleiro –que contaba entre outros membros con Mario Morán, César Ríos, O Gafas, Zapico ou Quico–, que se movía polas terras de La Cabrera, onde deran en constituír un territorio liberado arredor da utópica Cidade da Selva, é o obxecto que centra a atención de Carlos G. Reigosa, quen co libro A agonía do león (2010),vélvenos regalar un novo ensaio novelado fundamental para recuperar a nosa memoria histórica.

Alfredo Iglesias Diéguez

Comentarios pechados