Menu Xerais

Crítica de Armando Requeixo sobre «A veiga é como un tempo distinto», de Eva Moreda

Armando Requeixo publicou unha recensión crítica sobre A veiga é como un tempo distinto, de Eva Moreda, nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños. Reproducímola integramente:

Galegos na pérfida Albión

Unha atalaia privilexiada. Un miradoiro de excepción. Esa é a avantaxada vista que sobre os eidos da emigración galega a Europa posúe Eva Moreda, conterránea da Veiga, pero residente en Londres dende hai anos. ¿Quen mellor ca ela, pois, para nos relatar a epopea desas mulleres e homes anónimos de noso que se aventuraron na Posguerra na City da pérfida Albión?

Esa e non outra é a materia narrativa da recente A Veiga é como un tempo distinto, novela de personaxes, alicerzada na historia dun par protagonista entre o que discorre unha tensión emocional non sempre ben resolta e un amplo coro de secundarios ―maioritariamente femininos― que contribúen a debuxar un vividísimo fresco do Londres de fins dos sesenta e primeiros setenta.

Gelo e Elisa, os dous protagonistas, representan dous arquetipos emigrantes perfectamente identificables: namentres ela loita por deixar atrás A Veiga natal e todo o que a memoria desta supón, el séntese de prestado nun país que non ten por seu, que lle resulta a todas luces alleo, mesmo por veces alleante. Elisa vai aos poucos mudando en Liz, mentres que Gelo leva mal que os londinienses cos que trata non comprendan que alguén poida chamarse Ángel, como o mensaxeiro da Anunciación.

No fondo, o que a novela de Moreda transita é a vivencia encontrada do problema identitario: ¿somos o que a Terra que nos viu nacer e medrar nos fixo ser ou o que a patria de adopción nos ensinou a soñar? Polo medio, trufados, comparecen tamén temas ben principais como os do (des)amor, a amizade, o feminismo, a loita social e outros tantos que axudan a recrear con admirable fidelidade unha época abalante entre as acendidas manifestacións a prol da Women’s Liberation e a depresión da grande crise petrolífera do 73.

Unha novela, en fin, sobre o choque de dous mundos: o da Veiga, onde o tempo semella arremuiñar ata ficar estantío ―un tempo distinto― e o da grande urbe cosmopolita, coa súa vertixe de días que se suceden atrapados polo trafego laboral e milleiros de acontecementos a cambiar o curso das cousas. Entre eses dous polos sideralmente arredados se moven as intensas e, en ocasións, dramáticas xeiras dos galegos emigrantes deste A Veiga é como un tempo distinto, excelente relato co que Eva Moreda confirma o seu bo quefacer como unha das máis valiosas narradoras destes últimos anos.

Armando Requeixo

Comentarios pechados