Menu Xerais

Crítica de Armando Requeixo sobre «Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo», de Xesús Alonso Montero

O crítico Armando Requeixo publicou unha recensión sobre Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, de Xesús Alonso Montero, nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños. Reproducímola integramente:

No centenario de Aníbal Otero

Se hai un persoeiro da cultura de noso co que a deusa Fortuna foi cruel ese é Aníbal Otero (A Barcia, Ribeira de Piquín, Lugo, 1911-1974).

Chamado a ser un dos filólogos galegos máis brillantes do pasado século ―de feito xa o era con tan só vinte e cinco anos―, a súa inxusta e esperpéntica detención a mans dos guardinhas en Valença do Minho o 5 de agosto do 36 e o seu posterior encarceramento por parte dos responsables do exército español sublevado contra a República acabaron cunha traxectoria ascendente na que destacaba como alumno dilecto de Tomás Navarro Tomás e Ramón Menéndez Pidal.

Baixo a coordinación do primeiro, Otero foi o (cor)responsable do traballo de campo nos territorios galegos e portugueses do famoso Atlas Lingüístico de la Península Ibérica. Seguindo indicacións do segundo, o de Ribeira de Piquín compilou unha das coleccións máis importantes da tradición galega do Romanceiro Hispánico.

De por parte, Aníbal Otero foi tamén narrador (velaí a novela galega Esmoriz, publicada postumamente en 1994, ou a inédita castelá Daidiña), poeta ocasional (mesmo chegou a publicar algúns versos antes da Guerra en revistas como a lucense Guión ou a emblemática Nós), lexicógrafo (moi recoñecido é o tamén póstumo Vocabulario de San Jorge de Piquín, aparecido en 1977) e ensaísta sobre os máis diversos temas lingüísticos e de literatura galega de tradición oral, o que lle valeu ser nomeado membro da RAG en xullo de 1957.

Mais todos estes méritos non evitaron que o periplo carcerario de case cinco anos (1936-1941), unido a diversas circunstancias de tipo familiar, acabasen por afastalo dun máis decidido traballo público a prol da nosa cultura, para o que sen dúbida estaba extraordinariamente dotado, o que explica que nos seus derradeiros anos ―e aínda na actualidade― a súa figura fose desdebuxándose, ficando arrombada nun semiesquecemento que non lle fai xustiza.

De todas estas circunstancias e, moi especialmente, aquelas que determinaron a causa seguida contra o cidadán Aníbal Otero ocúpase a valiosa monografía Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo, da autoría de Xesús Alonso Montero, un dos estudosos que con máis determinación se ten mergullado ao longo dos anos no desvelamento da súa biobibliografía.

No libro, Alonso Montero ofrece unha completa cronoloxía de Otero, un demorado percorrido biográfico, unha autoetopea elaborada a base de declaracións do propio autor, unha etopea construída a partir de retallos do que outros dixeron del e unha crestomatía de xuízos sobre as súas diferentes facetas autoriais como lingüista, colector de romances, poeta ou novelista.

Alén diso, a obra incorpora tamén un extenso capítulo “Onde se conta a arbitraria detención do lingüista galego en Portugal; onde se relata a súa indefensión e o seu calvario xudicial na Galicia dos «vencedores» no verán e no outono de 1936; onde se resumen as lendas orais que circularon na posguerra sobre os motivos da condena a pena de morte; onde se examinan as 207 páxinas da Causa 809/36, e onde se refiren as tribulacións de Aníbal Otero pero tamén as súas actividades filolóxicas en cinco prisións franquistas. Nesta parte non é posible omitir o acontecido nos tres anos da Guerra Civil a Navarro Tomás e ós materiais do ALPI”. E conste —engado eu— que todo o anterior é unicamente o título do tal capítulo, auténtica cerna da monografía.

Estudo moi documentado e rigoroso, este volume do profesor Alonso Montero achega amais interesantes testemuñas epistolares e doutra natureza sobre a escrita e a circunstancia oteriana, un ensaio ucrónico, anexos documentais e gráficos e unha exhaustiva bibliografía activa e pasiva, que fan da obra unha monografía imprescindible para mellor coñecer a importancia do personaxe e a proxección do seu labor, aínda hoxe, no centenario do seu nacemento, todo un exemplo de dedicación e entrega tanto á nosa lingua como á nosa literatura.

Armando Requeixo

Comentarios pechados