Menu Xerais

Crítica de Armando Requeixo sobre «Palabras que move o mar», de Xaime Toxo

O crítico Armando Requeixo publica unha recensión que viu a luz en El Ideal Gallego, Diario de Ferrol e Diario de Arousa sobre As palabras que move o mar, de Xaime Toxo. Reproducímola integramente:

Deserto sen nome

Toxo, poeta, profesor e dinamizador cultural, acaba de publicar “As palabras que move o mar” (Xerais), o seu primeiro libro de narracións en galego.
Escribo narracións deliberadamente e por dous motivos: antes de aparecer este volume tiña xa dado ao prelo outras obras, aínda que de circulación máis restrinxida e máis modestas, e non me refiro a elas como contos porque, se somos precisos, non todos os textos que o integran son tal, pois neste libro conviven as novelas curtas cos relatos longos e os contos de menor extensión.
Non sempre acontece –mais ben é infrecuente– que as diferentes historias reunidas nunha obra coincidan nos principais trazos definitorios dos mundos dos que se ocupan, mais acontece que as tramas de Toxo, con seren elas ben diversas, converxen todas no papel fulcral que outorgan á memoria como alicerce constitutivo da identidade. Neste sentido, as catro narracións amosan protagonistasque viven presentes complexos, por veces mesmo agónicos, que procuran no pasado as claves que expliquen o camiño andado, o por que do momento que atravesan e, tamén si, buscan nese pretérito idealizado un paraíso ou tempo inmaculado de inocencia perdida ao que desexarían volver, pero que senten fuxido irremediablemente.
Doutra parte, tres das catro pezas do libro coinciden tamén na espacialización: Esteiro como epicentro sentimental dende o que os seus personaxes crean un mundo singular de percepcións e vivencias muradás; mesmo a temporalización das narracións reitera tamén, en non poucos treitos, idéntica baliza cronolóxica: os tempos lindeiros coa morte do Xeneral Franco.
“O alento das pedras” é unha dura historia de enganos amorosos e traizóns familiares, un relato longo no que un pai de familia mantén unha dobre vida que é descuberta por unha súa filla. Sorprende positivamente a recreación das atmosferas e o retrato condutual dos personaxes, mais renxe un tanto o recurso fantástico do que o autor se serve para dar solución á trama, que podía terse anoado igualmente sen necesidade desa inserción un algo forzada.
A novela curta “Cartografías”, de arquitectura esférica e esmerado perfilado das secuencias narrativas, achéganos un apaixonado relato amoroso de tristurento final. A forza simbólica dalgunhas pasaxes, así como a poderosa caracterización de certos personaxes (como esa moderna Magdalena que encarna Claudia, de admirable dignidade; como a vilanía montaraz do alcalde Checho; ou como a grandeza de espírito e de superación da adversidade que demostra a protagonista, Clara) converten este texto nun dos máis acabados do conxunto.
“A casa dos alicerces mariños” –coa que Toxo gañara o Certame Manuel Murguía de Narracións Breves no 2004 e que foi recollida no volume colectivo Contos da baiuca (2006)– é unha historia de amizades e de amores, de desencontros de parella e complicidades paterno- filiais ben elaborada, cunha estrutura pendular que nos leva dun fío noutro e dun tempo a outro tempo cun ganduxado fino, logrando transmitir con acuidade toda a fondura dos intensos sucesos que os protagonistas experimentan: a morte de seres queridos, separacións amorosas e balsámicos reencontros tras décadas de afastamento.
O derradeiro dos relatos, “Escuro é o rostro da memoria”, é o único que vira luz xa como publicación exenta no 2001 baixo o título de Mouro é o rostro da memoria e edición a cargo do Ateneo de Pontevedra. Un conto estarrecedor sobre a crueldade dos represores do réxime fascista chileno do 73, que ten como peculiaridade o ser narrado dende a perspectiva dun peón de xadrez e que logra comunicar con indubidable eficacia a miserenta calidade infrahumana dos milicos torturadores.
Que haxa certas datas internas que non cadran, que algúns parlamentos non se fagan cribles, que incluso se detecten inexactitudes en determinadas cuestións históricas non debe escurecer o feito de que “As palabras que move o mar” de Xaime Toxo é un título afortunado, con non poucos méritos que nos lembra unha lección fundamental: “cruzar un deserto sen nome, a vida, ten un custo moi elevado, do que saímos feridos de morte ou, con sorte, perplexos por continuar vivos; pero nunca vitoriosos. Temos que vivir as vidas do presente cos recordos que zugamos do pasado.” A quen demostra tal clarividencia de pensamento, á forza ten de concedérselle o beneficio da lectura.

Armando Requeixo

Comentarios pechados