Menu Xerais

Crítica de Armando Requeixo sobre «Penúltimo Dietario», de Xosé Neira Vilas

O crítico Armando Requeixo publica no seu blog unha recensión sobre Penúltimo Dietario, de Xosé Neira Vilas.

Xosé Neira Vilas, facendo memoria

Cando un día futuro alguén se ocupe de escribir unha historia social da nosa literatura —traballo aínda por facer e que, moito me temo, terá que seguir agardando un certo tempo— necesariamente deberá procurar fontes documentais e informativas en volumes diso que algúns chamamos “literatura do eu” (diarios, libros de viaxe, (auto)biografías, libros de entrevistas…).

Pois ben, obras como o recente Penúltimo dietario de Xosé Neira Vilas revelaranse, entón, como textos de inescusable referencia, pois non en van reúne ao longo das súas ben cumpridas trescentas páxinas a fiel memoria de encontros, visitas e conversas cun número extraordinario de persoeiros das nosas letras (e das doutras latitudes) que coincidiron co escritor de Gres en actos, xornadas, presentacións e viaxes ao longo non só do noso territorio, senón de todo o mundo.

O resultado é un libro imprescindible para reconstruír a memoria viva das peripecias e andainas das nosas xentes de letras nun período que iría de 1992 ata fins do 2009.

Un documento excepcional este Penúltimo dietario que esixe demorada lectura.

Armando Requeixo

Comentarios pechados