Menu Xerais

Crítica de Armando Requeixo sobre «Recendos de aire sonoro», de Antonio García Teijeiro

O crítico de Armando Requeixo publicou no seu blog unha recensión sobre Recendos de aire sonoro, de Antonio García Teijeiro. Reproducímola integramente:

Aire sonoro

De entre os moitos paos literarios tocados por Antonio García Teijeiro o da poesía infantoxuvenil é, con seguranza, un daqueles nos que é máis adoito descubrilo.

Volve agora a esta súa querenza autorial para publicar Recendos de aire sonoro, volume de versos nos que a música e a palabra se dan a man para, fundidas, crear un novo espazo lírico, que ten un moito de sonoro e un non pouco de gráfico.

Porque a pegada do musical nos poemas de García Teijeiro é unha constante —velaí están para demostralo, por exemplo, as súas Palabras envoltas en cancións— que xera un territorio mestizo verbosonoro no que non só comparece a oportuna cita de grandes nomes desta arte (Beethoven, Barenboim, Menuhin…), senón que fai inzar nos versos fonosimbolismos varios, onomatopeas mil, paralelismos sintagmático-fónicos recorrentes e aliteracións profusas.

Poemas saxo, versos tuba, poesías violín ou composicións piano enlazan a súa sonoridade con xogos de atrevida disposición gráfica e os coloristas collages de Fino Lorenzo, quen dá a pauta ilustradora a tan orquestrada enxurrada poética.

Se, como quería Ferruccio Busoni, a música é aire sonoro, os poemas de Antonio García Teijeiro son a mellor airexa que poden oír as nosas rapazas e rapaces, ¡e non só!

Antonio García Teijeiro

Comentarios pechados