Menu Xerais

Crítica de Dolores Martínez Torres sobre «As palabras que move o mar», de Xaime Toxo

No suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, publíase hoxe unha recensión de Dolores Martínez Torres sobre As palabras que move o mar, de Xaime Toxo. Reproducímola integramente.

A dor do presente

Retratos emocionais

Este libro reune catro relatos independentes que remiten, porén, a elementos comúns: un tempo –finais dos anos 70–,un lugar –a vila muradá de Esteiro– e uns personaxes marcados por imborrables recordos aos que, coma quen quere pechar un círculo imposible ou unha ferida aberta, regresan abrumados pola dor do presente.
En “O alento das pedras”,unha muller rememora sucesos da súa infancia mentres agarda a incineración do pai,afastado da súa vida des que ela, de nena, descubrira o seu adulterio. En“Cartografías”, no contexto da fin da ditadura, aquel tempo de libros prohibidos, cargas policiais e concertos revolucionarios, á protagonista enfróntase a unha vital mudanza; aquí, cada un dos breves capítulos se centra nun dos personaxes que a arrodean nese momento de transición.“
A casa dos alicerces mariños” retoma as relacións de familia e amizade, encarnadas no abatemento dun pai que acaba de perder o fillo adolescente, xusto cando el estaba a retomar un vello amor de xuventude. O derradeiro relato, “Escuro é o rostro da memoria”, traslada a acción ao Chile dos anos máis sinistros; e está narrado por un peón do exquisito xadrez co que están a xogar dous torturadores mentres se asañan cos prisoneiros.
A separación, a perda dos lugares e os seres queridos que provocan saudades dun irrecuperable paraíso, idealizado na distancia da memoria,son os puntos de partida aos que sempre regresan estas historias de reconstrución individual,se cadra non elas mesmas inesquecibles e un tanto tópicas, mais interesantes coma retratos emocionais.

Dolores Martínez Torres

Comentarios pechados