Menu Xerais

Crítica de Dolores Martínez Torres sobre «Cara B», de Ignacio Silva

O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, inclúe unha recensión crítica de Dolores Martínez Torres sobre Cara B, de Ignacio Silva, que reproducimos

Suspense medido

Pulcra análise psicolóxica

Os tres relatos de Cara B comparten un peculiar discurso que remite a películas coma The machinist ou Memento. Inícianse cun personaxe inmerso nunha situación crítica, inquietante, límite, cuxa razón e consecuencias só se entenden tras coñecer determinados sucesos acontecidos no pasado, uns sucesos que se adiviñan turbios e que se revelan nunha cronoloxía sincopada e inversa. Con suspense medido, as pezas asincrónicas e en apariencia inconexas terminan por encaixar; pero aínda, como remate, agarda un derradeiro tour de force e a guinda dun final sorprendente e efectista.
“Cela aberta” introdúcenos na sinistra realidade da tortura, a ultrapasar os límites do confinamento. Un home que leva preso nin sabe cantos anos ten o corpo roto polas privacións e os castigos, mais o seu orgullo e moral permañecen aínda intactos. Porén, desde o momento en que os seus verdugos introducen outra prisoneira na cela, el haberá de lidiar con outros monstros e de enfrontarse a unha atroz infamia.Así comprobará que cando un non é capaz de perdoarse permañece fechado na peor das cadeas.
“Vertixes”é o relato de maior extensión e narra a traxedia dun amor esaxerado; pero mesmo quen non se entusiasme cos argumentos baseados nas tirapuxas sentimentais –Boring!, que diría Homer–, aprezará esta historia pola elegancia da súa estrutura,onde con notable enxeño se entrecruzan os saltos de tempo e se contrapoñen as perspectivas. Coma quen rebobina distintas versións dun mesmo acontecemento, neste caso a experiencia dispar dos personaxes, o avance na lectura condúcenos cara a atrás para explicar por que o protagonista sinte o cranio oprimido des que foi despedir a moza ao aeroporto.
“Escintileos” compón outra acertada partida de Tetris narrativo, desta vez cos episodios de amnesia do protagonista a xeito de interruptores da acción. Un home atópase na casa dunha vella, sen poder lembrar como chegou alí. Mentres ela parola, el recorda relampos da súa arrepiante biografía. Os amaños dun garda civil á procura de vinganza completan esta trama de arañeira, tecida de coincidencias e casuais causalidades.
Ademais dos evidentes méritos estruturais, que volven o esaxerado en verosímil, estes contos crueis aúnan un estilo e vocabulario simples e eficaces –pasaremos por alto certos tropezóns lingüísticos– cunha pulcra análise psicolóxica que aborda o escabroso sen gozar na truculencia. Seguro que para moitos lectores serán unha agradable compaña.

Dolores Martínez Torres

Comentarios pechados