Menu Xerais

Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «A agonía do león», de Carlos Reigosa

O crítico Francisco Martínez Bouzas publica hoxe no seu blog Novenoites unha recensión sobre A agonía do león, de Carlos Reigosa. Reproducímola integramente:

Dese labrego camuflado de cidadán do mundo que di ser Carlos G. Reigosa, chéganos arestora, quince anos despois da edición orixinal en castelán, a versión galega, que Xerais publica baixo o título A agonía do león. Esperanza e traxedia dos escapados. É a última publicación do escritor da Pastoriza e alíñase claramente con ese ramallete de libros que reflicten a súa identidade como xornalista. A agonía do león é, en efecto, unha reportaxe, aínda que por veces exhiba os trazos dunha verdadeira novela policial, ganduxada cos fíos da creación literaria e abeirada, así mesmo, á introspección psicolóxica. Xa que logo, unha verdadeira aliaxe de xéneros.

A agonía do león é, por riba de calquera outra consideración, escrita testemuñal, literatura de recuperación da nosa memoria histórica, a memoria das loitas antifranquistas nas comarcas do Bierzo, Ourense e norte de Portugal. Como tal, acadou na súa versión orixinal, o Premio Rodolfo Walsh de Literatura Testemuñal no ano 1996.

Para situar axeitadamente esta achega de Carlos Reigosa, cómpre lembrar que o escritor e xornalista foi un dos pioneiros na investigación e na difusión da historia dos guerrilleiros antrifranquistas galegos. En 1989, con Fuxidos de sona, rescataba as loitas e traxedias da varias figuras do maquis galego como “Foucellas”, “Gardarríos”, “Piloto”, César Ríos, Gómez Gayoso, “Mario de Langullo” e “Gafas”. E no ano 2004, tres dirixentes da guerrilla antifranquista, Marcelino Fernández Villanueva, Mario Morán e César Ríos, acompañan ao escritor no seu percorrido polos lugares das súas actuacións, en Asturias, León e Galicia. Carlos Reigosa recollería esta experiencia nun “libro de viaxe cos maquis”, baixo o título de O regreso dos maquis.

Na presente entrega, Reigosa centra a súa esculca na peripecia vital do guerrilleiro berciano Manuel Girón Bazán, que actuou ata 1951 por terras de León e Galicia, máis en concreto, na comarca de La Cabrera. Confesa o escritor que a de Girón foi unha historia que o escolleu a el, xa que se atopou con ela de xeito marxinal, mentres investigaba as peripecias doutros escapados. Nesa busca decatouse de que a historia de Girón estaba mal contada: os que aparecían como malos eran os bos e os que figuraban como traidores, non o foran. Decide por iso investigar en profundidade verbo da  figura e peripecias deste cavador de viñas, dotado, porén, dunha grande intuición e capacidade de liderado. O protagonista do libro, empurrado por acontecementos alleos a súa vontade e cuxa dinámica ignoraba, aparece presentado nesta historia como una das moitas vítimas da Guerra do 36. A falta de oportunidades de reinserción obrigaríao a realizar unha delongada e carraxenta peripecia de fuxido, levada ata as súas últimas consecuencias, nun combate desigual e sen ningunha posibilidade de éxito, contra o franquismo que acabaría con el nunha auténtica cazaría humana, mesturada ademais coa mentira e con difamacións que ían durar ata despois da morte de Franco. Esa historia ateigada de embustes foi a versión oficial. A verdade real, como o lector poderá ver, foi outra. Conservouse nun lugar illado do noroeste leonés.

A intención subxacente  neste libro é a de recuperar os feitos históricos, iluminar zonas de sombra, contalas con precisión, sen afáns laudatorios e sen maniqueísmos, mais sen intentar traelos ao presente, sen carrexar con eses feitos, rescatados do esquecemento, a belicosidade coa que aconteceron. Esta e non outra é a mensaxe deste descenso aos infernos da posguerra española, tal como a definiu no seu día o prologuista, Manu Leguineche, na edición orixinal do libro de Reigosa.

Como acontece coa maioría dos guerrilleiros e fuxidos famosos, a andaina de Girón non sería comprensible sen ter en conta a xeografía que o acubillou, o refuxio de La Cabrera, un territorio, daquela, case impenetrable. Nesa xeografía montesía e medio selvática, Girón foi para algún un león (“o rei de La Cabrera”), para outros, un escapado cuxo valor alonga a súa agonía, e finalmente para outros, unha maldición, xa que a súa personalidade irredutible facía perdurar interminablemente a guerra, a violencia e  o terror na comarca.

O libro de Carlos Reigosa admite diferentes lecturas, porque é en si mesmo unha obra poliédrica que acubilla varios enfoques: a vida de Manuel Girón Bazán. Un intento de descifrar e de facer intelixible o personaxe no espazo da súa aventura / agonía. Unha sorte de literatura de viaxes que ofrece unha visión directa de La Cabrera leonesa nun antes e tamén agora, despois de case medio século. Finalmente, a base expositiva (a forma de contar os feitos), debedora da narrativa de ficción, mais sen esquecer que  todo o relatado responde fielmente aos testemuños obtidos polo autor. A ficción, neste caso, cumpre, mais unha vez, esa función embelecedora  da historia, pero  sen contaminala nin deturpala.

Francisco Martínez Bouzas

Comentarios pechados