Menu Xerais

Crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre «Asasinato no Consello Nacional», de Diego Ameixeiras

O Faro da Cultura (Faro de Vigo) publica hoxe unha recensión crítica de Francisco Martínez Bouzas sobre Asasinato no Consello Nacional, de Diego Ameixeiras. Aínda que tamén pode lerse en pdf, reproducímola integramente:

Un thriller político

Polos labirintos do nacionalismo

Diego Ameixeiras (Lausanne, Suíza, 1976), xornalista de profesión,comezou a súa andadura literaria –Baixo mínimos (2004) e O cidadán do mes (2006)– dándolle vida ficcional ao detective Horacio Dopico, un esculcador de crimes e corruptelas,máis antiheroe que heroe.Descoñezo se a estas alturas Ameixeiras xubilou definitivamente a Dopico. Mais o que non ofrece dúbidas é que Ameixeiras,un dos poucos narradores masculinos destacados da súa xeración, recunca no xénero negro.Teima no territorio da intriga con este thriller político, Asasinato no Consello Nacional, unha clara homenaxe, ata no título, a Vázquez Montalbán. Alberte Cudeiro é o novo detective privado de que se serve o escritor nado na emigración suíza. A acción arrinca aos poucos días da derrota do bipartito en 2009.O caso que ao detective lle encarga a UPG, é o asasinato do parlamentario nacionalista Mario Dacosta, elixido polo secretario xeral dos coroneis para ser o novo portavoz nacional. E aquí comeza unha intriga detectivesca ficticia, con pausas para esculcar un crime cometido durante a Guerra Civil e cun pano de fondo ben real e que lle engade un plus de morbo á narración: o retrato das liortas internas dos nacionalistas nos días previos á Asemblea Extraordinaria do ano 2009 para elixir o sucesor de Quintana.Endalí que a novela sexa á vez unha intriga política e un mergullo nos interiores do BNG. O lector seareiro do xénero negro non ficará defraudado, porque o escritor, malia as longas parénteses xa aludidas e o feito de que o detective Cudeiro semella por veces que descoida a súa pescuda, vese arrastrado pola intriga e atopa na novela todos os ingredientes canónicos do xénero, sen que falte ese final sorpresa co que acostuman rematar as investigación detectivescas.

Pero, como veño dicindo, a novela é asemade un achegamento narrativo á realidade política do país, neste caso ás interioridades do BNG,nunhas datas de crise para os nacionalistas. A narración reflicte, e coido que sen excesivos maniqueísmos e si cunha chica de humor e ironía,os interiores da coalición nacionalista e a imaxe dos seus personaxes máis sobranceiros que reflectiron os medios de comunicación logo da derrota do 1 de marzo do pasado ano. E sobre todo, o punto de vista das distintas correntes internas e a lexítima loita polo poder nunha organización que xa non funciona coma unha fronte, senón coma un partido convencional. Ameixeiras, quizais sen o desexable afastamento
temporal, descobre literariamente e cunha prosa áxil e directa,unha organización política plural, na que conviven marxistas
con socialdemócratas, chea de tensións,pero con fortes desexos de paz interna. Realismo narrativo, xa que logo.

Francisco Martínez Bouzas

Comentarios pechados