Menu Xerais

Crítica de Juan Romero sobre «Fundación Libélula», de Yashmina Shawki

O profesor de Lingua e Literatura Españolas Juan Romero publica no seu blog unha recensión crítica sobre Fundación Libélula, de Yashmina Shawki. Reproducímola integramente:

Hoxe vou escribir algo dunha novela editada recentemente en galego e que non sei se aparecerá en castelán, aínda que penso que é probable, xa que a súa autora ten publicadas obras en ambos os dous idiomas. Por outro lado é a primeira vez que teño a oportunidade de comentar unha novela dunha persoa á que coñezo, ou máis ben, coñecín alá polos tempos da adolescencia e xuventude e da que hai tempo que non sei nada de xeito persoal, cousas da vida que te levan por camiños distintos. A autora é Yashmina Shawki e a novela titúlase “Fundación Libélula”, editada hai pouco por Xerais.

Yashmina Shawki naceu en Vigo, de nai galega e pai kurdo. Os seus estudos alternaron entre a súa cidade de nacemento e a cidade de Baghdad, onde pasou unha temporada nesa etapa da súa vida. Logo volveu a Vigo e licenciouse na Universidade de Santiago de Compostela en Dereito en 1992 e ao ano seguinte en Historia Contemporánea. Despois dedicouse a dar conferencias e escribir artigos periodísticos, sobre todo centrados en temas relacionados con Oriente Medio, ademais de colaborar en varias revistas. Tamén publica un artigo de opinión de xeito semanal nas páxinas de “La voz de Galicia” e colabora no programa radiofónico “Al final del día” de Radio Voz. De momento a súa produción literaria ten tanto obras en castelán como en galego. En castelán “Kurdos, destino libertad” (2007), en galego “Contos ao carón da lareira” (2007) e a novela obxecto deste comentario. Nunha entrevista feita a raíz deste libro di que está preparando dúas novelas máis, unha en castelán e outra en galego.

“Fundación Libélula” é unha novela curta, de pouco menos de cen páxinas que tanto por extensión, contido e forma de desenvolverse non sei se falar dela como novela, relato ou como un conto, xa que moitas veces a fronteira entre estes xeitos de narrar é difusa e complicada.

Vainos contar a historia de catro mulleres que establecerán unha certa relación, tres delas terán á outra como nexo de unión. Unha historia que transcorre na cidade de Vigo, mencionando en varias ocasións lugares que o residente nela poderá recoñecer, imprimíndolle máis realidade á historia que nos vai contar. O nexo de unión é unha avogada, María Xosé Muradas, unha muller decidida, valente e que é capaz de enfrontarse con case todo. Ten unha vida acomodada, aínda que ao longo da historia veremos como hai cousas contra as que non se pode loitar moitas veces, queira un ou non. Unha das cousas que máis lle preocupan e contra a que está disposta a loitar de todos os xeitos posibles é a violencia de xénero, en calquera das súas manifestacións, que será o que a leve a crear esa “Fundación Libélula” que da título á novela. Ao redor dela e da súa vida aparecerán tres casos de mulleres en situacións precarias e cada unha cunha historia distinta, pero todas elas duras, tristes e complicadas. Ela será a que tente axudalas para saír, ao igual que fixo antes con outras, desas vidas que as oprimen e que poden acabar con elas. Preséntasenos a Gladys, unha inmigrante ilegal enganada para traballar como prostituta nun club, sen documentación, somerxida nun mundo de explotación sexual e violencia. Helena é unha rapaza nova que ten que facerse cargo dos seus irmáns, xa que a súa nai é unha muller violenta, drogadicta e alcohólica, unha situación coa que terá que loitar día a día con máis escuridade que luz e que ademais é moi consciente de que ten que facer algunha cousa, estuda e quere conseguir algo que a faga escapar, tanto a ela como aos seus irmáns, desa situación. E logo está a Laura, casada, con fillos, cun marido lacazán e que non fai nada, ademais de que ten que vivir co seu cuñado e os seus sogros, cunha sogra que a martiriza, aínda que ela sexa case o sostén da familia. Todas elas, en certo momento, entrarán en contacto con María Xosé que recorrerá a todo para botarlles unha man, tres historias que a levarán a remover ceo e terra para axudalas a saír da vida na que están e tamén a esa “Fundación Libélula” que terá como obxectivo axudar a mulleres en situacións precarias sexan do tipo que sexan. Axudalas a escapar desas vidas que levan e ter outras moito máis dignas e salvadoras, porque o merecen.

A novela gustoume bastante, aínda que penso que a súa brevidade por un lado é un pequeno defecto e por outro unha virtude. Ao principio dicía que non tiña claro se falar dela como unha novela, un relato ou un conto. Por un lado a súa extensión réstalle complexidade, unha complexidade que ao mellor a autora tampouco considerou necesaria para reflectir aquilo que pretendía. Cando se tratan estes temas, ademais, é sinxelo caer nunha sucesión de tópicos e lugares coñecidos por outras vías, tanto da literatura como do cine ou a televisión, ou simplemente das noticias, por desgraza, case diarias, que tocan este tipo de temas. Tamén pensaba nun conto porque todo transcorre demasiado rápido, transitando dunha situación a outra case sen unha continuidade no relato e cunha resolución das cousas ao mellor algo idílica por momentos. As duras historias das catro mulleres quedan ben narradas con poucas palabras, centradas en catro ou cinco situacións case puntuais que fan que o lector poida supoñer o conxunto desas terribles vidas que levan. Penso que Yashmina quixo que o lector tamén puxese algo da súa parte e non darlle todo, que imaxine, que pense e reflexione sobre a vida desas mulleres que representan a moitas outras, reais, que levan vidas iguais ou peores en case todos os recantos do mundo, pero tamén ao noso lado, nos mesmos edificios nos que nós levamos as nosas. Por outro lado, aínda que sabemos que non o é, a historia transcorre con demasiada rapidez, as cousas parecéronme quizais demasiado sinxelas na súa resolución, ao mellor tamén porque non está nada mal un pouco de optimismo nestes temas, sempre tratados dun modo duro, escuro e cuns finais case sempre tráxicos e violentos. Ao mellor esta é outra virtude, dar un pouco de esperanza, de facer pensar que as cousas non sempre van mal ou a peor, que é posible con algo de vontade, traballo e sorte que moitas destas mulleres poidan rematar esa vida que non o é para poder comezar, ter un novo principio de vida digna e con eses momentos de felicidade da que todos gozamos ao longo das nosas vidas.

Creo que é unha novela recomendable e pensando como docente, podería ser un bo libro para a súa lectura en certos niveis dos nosos centros de ensino, pois pensando nese tipo de lectores e lectoras a súa brevidade xa xoga, e moito, ao seu favor (que lle imos facer, cando pos un libro para que lean o primeiro que preguntan é cantas páxinas ten, e como teña máis de duascentas podes ver caras de auténtico pánico). Por outro lado penso que é unha historia que lles pode interesar, que pode ensinarlles algo e facerlles reflexionar, sobre todo porque creo que unha boa maneira de rematar con este tipo de situacións é a educación. De todos modos e como dixen ao principio eu recomendaría esta novela dunha autora quizais non demasiado coñecida que tenta facerse un oco no panorama literario galego, e sempre está ben que aparezan estas novas novelas, pensadas e escritas en galego.

Juan Romero

Comentarios pechados