Menu Xerais

Crítica de Laura Caveiro sobre «Randea do alento», de Herta Müller

O Faro da Cultura publica hoxe unha recensión crítica de Laura Caveiro sobre Randea do alento, de Herta Müller, Premio Nobel do pasado ano. Aínda que tamén pode lerse en pdf, reproducímola integramente:

Herta Müller e nós

O inverno máis profundo

De Herta Müller, penúltimo Nobel de literatura, xa podíamos ler en galego O home é un grande faisán no mundo, publicada na serie “As literatas” de Xerais. Agora e nesa mesma colección, podemos atopar a súa última entrega: Randea do alento, traducida do alemán a un vizoso galego por Marga do Val, quen nos di que cumpría ser leal a esta historia, a esta escrita, á lingua, ao poeta Oskar Pastior… e a ese título “Atemschaukel” que Müller escolleu por ser unha palabra do poeta dadaísta..

Da biografía da escritora nacida en Romanía, membro da minoría alemá, que dende os 80 vive en Berlín, hai moito nesta novela. Están os anos de traballos forzados da súa nai en Ucraína, no remate da Segunda Guerra Mundial.. Está a admiración de Müller por Oskar Pastior, tamén deportado a un campo de traballo aos dezasete anos. Será o alter ego do protagonista Leo Auberg, e como Auberg vivirá co medo de que se coñeza a súa homosexualidade nunha sociedade que a castigaba como delicto. Están a incomunicación, a fame e o frío, a vida nas condicións máis extremas. Con prosa intensamente poética mestúranse os sentimentos coas imaxes surrealistas que marcan o estilo de Herta Müller, coa metáfora do Anxo da Fame, coa paisaxe dos seres desposuídos que lle deu o recoñecemento a nivel mundial.

“Todo o que teño, lévoo comigo.” Así comeza a viaxe retrospectiva do protagonista dende que o obrigan a deixar a súa vila. Amarga o regreso á casa en 1950 porque no lar as cousas non poden ser doutra maneira. Todo menos Leo. Outravolta á beira do armario tictaba o reloxo, o péndulo voaba, o tictac na parede era a súa randea do alento. Aínda conserva os soños que o axudaron a sobrevivir nun mundo opresivo, a imaxinarse nun elegante paseo de lastras. Aínda os soños. E os pesadelos.

Laura Caveiro

Comentarios pechados