Menu Xerais

Crítica de Lorena Domínguez Mallo sobre «O bebedor de rakia», de Xesús Manuel Marcos

Lorena Domínguez Mallo publica en LG3, o soportal da literatura do Consello da Cultura Galega, unha recensión crítica sobre O bebedor de rakia, de Xesús Manuel Marcos. Reproducímola integramente:

O xogo de Itzik

No contexto do paso dos soldados españois pola guerra de Bosnia en suposta “misión de paz” velaquí unha poderosa novela que cómpre ler para para non pechar os ollos a todo aquilo que non nos amosan na televisión, unha novela que demostra que a arte serve como testemuño máis veraz que os medios informativos, a verdade escudada na ficción como xeito de saída, a verdade non supervisada. A novela de Xesús Manuel Marcos non deixa vagar para coller aire.

“apóiase o fusil, co seguro quitado, na sen. Ao mesmo tempo, presiónase o resorte que retén o cargador e o gatillo. Se o cargador cae, a bala non sae, e gañas o xogo. Se non cae, a morte é case segura, e o xogo remata” (154)

Non souben o que era a rakia até case mediada a novela. Tárdase máis aínda en saber o que é o xogo de Itzik, iso que Alberte o protagonista di que require un sangue frío que moi poucos teñen. Tamén a novela de Xesús Manuel Marcos supón botarlle un pulso ao lectorado, procurar só a aquelas e aqueles lectores que queren saber e que non teñen medo de saber. Como o propio autor afirma nunha entrevista n’A Nosa Terra publicada o 15 de abril, hai persoas que estiveron na guerra e que teñen un testemuño sobre o que son as misións humanitarias no estranxeiro moi diferente do que se nos transmite nos medios. Esta novela é unha pequena peza dese quebracabezas de intuicións e sospeitas que podemos ter xa a medio formar sobre o tema, ou comezar ao longo das súas páxinas, se non nos preocupa a idea de botar por terra sen volta a ficción que consumimos como verdade, con esta verdade que non deixa de ser ficción.

O testemuño en primeira persoa sobre a guerra dos Balcáns por parte de Alberte está enmarcado na súa longa confesión á súa irmá Branca logo dunha noite no calabozo. Non obstante, ese marco do presente, dous irmáns a cada lado da mesa dun bar, e un deles a desennobelar o remexido de pensamentos da súa cabeza, non é un encadramento secundario en absoluto. Alberte pode saír libre grazas a que Branca lle pediu á súa cuñada: “Algo que unha muller non debería pedirlle a outra muller” (24). Nese longo enfiar de pensamentos tamén a infancia e a adolescencia dos irmáns se coloca sobre a mesa, a relación cos pais pasada e presente, e o esboroarse da mocidade alegre de Alberte na fronte e logo do seu retorno. A violencia atravesa de parte a parte a vida do protagonista, desde a casa dos pais á súa propia vida familiar quince anos despois de tornar da fronte, un pasado que non logra deixar atrás. As secuelas psíquicas non son coma a cicatriz que conserva detrás da orella dereita, sete puntos de sutura sen perigo de infección, senón unha desas feridas que el mesmo di que “non sollan” (15). Por se couber a dúbida, o retrato da vida familiar non desmerece a forza nin a crueza da memoria da guerra.

“lembrar. É a maior demostración de valentía da que son capaz hogano” (18), é unha das cousas que Alberte lle di á súa irmá Branca, quen ao longo da novela mantén a vontade de levalo consigo pasar o Nadal. O contraargumento de Alberte é o Nadal que non se acordaron del, cando estaba na fronte, ou os meses que semellaban telo esquecido, mesmo no seu aniversario, para que agora ela aspire a que se xunten nesas datas sinaladas “coma patacas podres no cu dun cesto” (20). E el lembra. Lembra o frío dos Balcáns, o odio feroz que lles tiñan alí cando se supoñía que só ían a axudalos, os amigos caídos, os ataques covardes, os delatores, as prostitutas que lles levaban á base, a cantina que lles montaron a carón, a escolta a camións de intercambio de cadáveres, a supervisión de troco de prisioneiros, as persoas ás que mataron, a dependencia do alcohol e da violencia, e as mentiras dos medios de comunicación nas mans dos cales non eran máis que monicreques.

A novela de Xesús Manuel Marcos non deixa vagar para coller aire. “Verdadeiramente, estaba aprendendo moito e moi rápido naquela misión de axuda humanitaria. Tivera que ir a unha para matar”(99). Ese é o nivel de contundencia do libro que temos entre as mans. Iso pensa o mesmo mozo que entrara no exército fuxindo cara adiante desde unha vida familiar dura e abafante na que sobranceaba un pai violento e alcohólico. A guerra era unha hipótese baleira, impensábel, para moitos coma el que se alistaran buscando unha oportunidade. E ese mozo cobrará conciencia da ruindade humana e da fráxil raia que separa os homes con ganas de vivir e os homes aos que a vida lles é indiferente. A vida preséntase cruel nun país alleo, atacados por aqueles aos que se lles quere axudar, enganados por aqueles que os mandan, esquecidos polos que presuntamente os aman, incapaces para sempre de seren quen eran. Alberte fuxía cara adiante e quince anos despois toca fondo, incapaz de saír desa terra de ninguén na que caeu, atrapado entre os muros altos que son as olladas de dous cativos: a da súa filla Sara, unha ollada aterrada; e a de Jakov, baleira do Neretva, as dúas mostras para el do seu absoluto fracaso.
Unha das tres citas que abre a novela di que: “A gran derrota, en todo, é esquecer, e sobre todo aquilo que te matou, e espichala sen comprender nunca ata que punto son fillos de puta os homes” (Louis-Ferdinand Céline). Xesús Manuel Marcos sírvenos a rakia máis poderosa imaxinábel, a rakia da memoria, e sírvenola en vaso fondo e sen nada co que aliviar o que nos queima na gorxa. Velaquí unha novela que cómpre ler para coñecérmonos mellor a nós mesmos, para lembrar e para non pechar os ollos a todo aquilo que non nos amosan na televisión, unha novela que demostra algo cada vez máis frecuente: a arte como testemuño máis veraz que os medios informativos, a verdade escudada na ficción como xeito de saída, a verdade non supervisada. Bébedos como estamos do que nos contan os medios, tamén nós podemos velo todo máis claro ao fondo do vaso. Para min, unha novela poderosa (a mellor palabra que se me ocorre para describila), e unha lectura moi recomendábel.

Lorena Domínguez Mallo

Comentarios pechados