Menu Xerais

Crítica de Lorena Domínguez Mallo sobre «Periferia», de Iolanda Zúñiga

O portal de literatura do Consello da Cultura Galega, LG3, publica hoxe unha recensión crítica de Lorena Domínguez Mallo sobre a obra Periferia, de Iolanda Zúñiga, gañadora do Premio Xerais de Novela 2010. Reproducímola a continuación:

Plano favela

Obra gañadora do Premio Xerais de novela 2010, a forza e a intensidade da prosa que flúe nestas páxinas reborda os sentidos. É un peso pesado literario sexa cal for a etiqueta que o designe. Nesta novela hai espazos e personaxes, vidas que son fíos dos que se pode tirar para ver, o triunfo absoluto do interartístico e da polifonía. Nela habitan por igual a narrativa e o baile, a música e o grafiti.

Vertixe, suor nas mans, lategazos nas tempas, silenzo, pensamentos en liña de fuga, pausa, o momento de retomar a lectura, e de novo, plano xeral, plano máis curto, movemento, tanto tempo ata un primeiro plano que realmente non é tal, que realmente non pode selo, porque sabes que o que tes entre as mans non é unha novela ao uso, e de novo a samba, o rap, o po branco, os disparos, a distancia e a proximidade, a favela, a favela, São Paulo.

Intimida un pouco comezar a ler unha novela de 503 páxinas, que non resulta cómoda de levar no bolso a todas partes para aproveitar a ler un pouco nos momentos perdidos do día. Non obstante, nada máis empezar a ler xa te decatas de que tampouco é un libro que permita ou posibilite ser lido deste xeito. Chegaches a el porque todo o mundo dicía que valía realmente a pena, e porque tampouco parece irrelevante a declaración de vencedor por unanimidade do Premio Xerais de Novela 2010. A magnífica foto da cuberta é só un indicio do mundo que cabe no libro.

A obra artéllase coma en dez pistas dun cedé de música: A Cidade, A Periferia, A Coprotagonista, O Carnaval, O Narcotráfico, O Amor, O Fútbol, O Crime, e o Bonus Track: o Cárcere, alén do Hidden track: o Funk. Cada unha desas pistas ou capítulos confórmase dunha prosa que esvara e non frea nunca, sen a concorrencia de puntos e á parte en case toda a novela. Marca así o seu propio ritmo de lectura, que non se adapta á lectora ou ao lector, somos nós quen debemos adaptarnos. O título do capítulo marca o epicentro temático ou a abertura do zoom da cámara cinematográfica, na que se enfocan diferentes segmentos da vida dunha cidade. A descrición eríxese en toda a obra como vehículo estrela para comunicar. A realidade que se nos amosa cobra un peso real, atragóasenos de realidade, desde o prezo da droga ao prezo da deslealdade, pasando polos soños e polas torturas, pola imposibilidade, polos nenos que traballan cosendo etiquetas a zapatillas de marca que poñen “made without child labour”(296). Os planos acúrtanse da macrópole, São Paulo, á favela concreta da que se fala, logo á vida dunha serie de personaxes, ao carnaval, a como se vive e se morre traficando, a como se pode amar, ao fútbol, á lei de fidelidade que impón o crime, ao cárcere, a ese aire enrarecido que di que non hai futuro posible. Teño que dicir que o capítulo final dedicado ao Funk para min non canxa xa co resto da novela por innecesario, ou é que talvez entre tanta posmodernidade seguimos tendendo a aferrarnos a unha historia e unha vez rematada a historia dos protagonistas (se é que é posible usar esa designación nesta obra), Simone e Brown, para min acabou a novela, que non o hipertexto posible.

A febleza do fío narrativo é deliberada, perséguese a imaxe e a vida dunha favela, e a vida non permite ser reconvertida en narración lineal con protagonistas representativos sen perder o pulso. O que se nos regala en Periferia é o pulso da vida de moita xente, dos espazos que habitan. Por outra banda, a forza e a intensidade da prosa que flúe nestas páxinas reborda os sentidos. É un peso pesado literario sexa cal for a etiqueta que o designe, se ben teño que anotar que abondo clara me parece a tendencia ao hipertextual. A sensación é que en lugar de ler prememos sen decatarnos en ligazóns-palabra que nos levan a outro plano, a outro personaxe, nunha sucesión de escollas fértiles quase ad infinitum. Nesta novela hai espazos e personaxes, vidas que son fíos dos que se pode tirar para ver, o trunfo absoluto do interartístico e da polifonía. É unha obra interartística porque nela habitan por igual a narrativa e o baile, a música e o grafiti. É unha obra polifónica porque inclúe voces e textos tirados de moitos lugares diferentes, moitos letristas, cantantes, autores e autoras cuxa identidade a escritora vai revelando pouco a pouco no blog da novela, xuntamente con ligazóns á banda sonora da mesma (http://periferia.blogaliza.org).

Ligado a ese blog e a esa resonancia hipertextual, esta novela amósanos asemade as potencialidades e as limitacións do mundo no que vivimos. Unha obra absolutamente excepcional se pensamos no formato electrónico, no que poderiamos visitar cada canción, cada letra que a atravesa, algo que sabemos ao mesmo tempo que está totalmente fóra das nosas posibilidades polo simple feito de que non é asumible o gasto que suporía pagar os dereitos de autoría de todos os implicados. Iolanda Zúñiga fala de 500 cancións a comporen a banda sonora desta favela paulense. Os dereitos da cultura tórnanse unha trampa para o dereito á cultura.

Por último, non quero deixar de anotar a miña sorpresa coa confluencia de galego e portugués nesta obra, sorpresa derivada do feito de que as bases do Premio Xerais esixen orixinais en galego segundo a normativa vixente. Alégrame ese encontro, que debería crear escola, aínda que só fose para demostrarnos que as linguas tenden pontes e abren camiños, que non os pechan. Aquí o portugués vai no sangue da novela, as letras e as expresións vivas son difíciles de “traducir” sen perder a forza do que se nos conta. En todo momento na miña cabeza habita a Cidade de Deus, o filme. Invito a comprobar que non supón dificultade ningunha pasar do galego ao portugués e viceversa de xeito constante.

Cheguei ao libro polo boca a boca, e devolvo o convite agradecida. “Periferia é periferia, milhares de casas amontoadas” (57), e por iso a lectura é máis custosa, pero deixa pegada, e como se di nun momento na novela sobre a cidade de São Paulo: “É bonita porque é feia, e como toda feia que se preza, beija mais gostoso” (48).

Lorena Domínguez Mallo

Comentarios pechados