Menu Xerais

Crítica de Lupe Gómez sobre «As palabras que move o mar», de Xaime Toxo

A escritora e xornalista Lupe Gómez publicou en Galicia Hoxe unha recensión crítica sobre As palabras que move o mar, de Xaime Toxo. Reproducímola integramente:

O brillo narrativo

Sentimos a necesidade de que nos conten historias, porque temos unha infinita sede de palabras. O alento narrativo nace no misterioso compás da noite. Pouco a pouco van nacendo os relatos que conforman –e reinventan– o mundo. É grandísimo o pracer de construír contos para abandonalos no mar. Moitas cousas están afogadas pero as historias e as cancións non están en crise. Un paxariño díxome que ler unha novela é como tomar vitaminas.

Creo que descubrín por primeira vezo brillo das narracións cando escoitei falar o meu mestre Víctor Freixanes na facultade de Xornalismo. El falaba e contaba as cousas dun xeito que facía que os alumnos quedasemos totalmente engaiolados. Producíase un proceso de verdadeiro encantamento. Aquel mestre tiña o don da palabra. A verba exacta que furaba a luz e os silencios para crear unha atmosfera de verdadeira maxia.

Tamén na aldea se contaban historias de mouros e tesouros agochados na terra, que conseguían poñerme a pel de galiña. Había lugares, montes, chousas, que estaban atravesados polo misterio da Historia. Eu tiña medo, e ao mesmo tempo buscaba e imaxinaba tesouros que nunca cheguei a ver. Despois da lectura dunha novela quedamos transformados por unha variña máxica. Nos libros están agochadas toda a sabedoría, todas as viaxes, todas as transformacións. Teño a sensación de que un poema non nos transforma tanto como unha novela. Na narrativa existe un desexo de profundar na condición humana, para chegar a límites invisibles, soñados, irreais.

A narración oral ten un brillo distinto –que non aparece na escrita-. Por iso ás veces temos que ler os libros en voz alta, para comprendelos profundamente e imaxinar as súas verdades. O poder da oratoria é un dos grandes logros da humanidade. Construír, coa voz, un lugar confortable. Imaxinar un río que corre, e sobe, e baixa, e fai filigranas no aire. Modular o ritmo da voz como se fose unha escaleira chea de tesouros. Aprender a dicir e contar cousas para soster coas mans a esperanza triste do mundo.

Cartografías vitais

O novo libro de Xaime Toxo, titulado As palabras que move o mar e publicado na editorial Xerais, sorpréndenos porque está escrito cunha intensidade especial. As palabras teñen unha forte enerxía vital, unha plasticidade absoluta que se corresponde e se relaciona perfectamente coa ilustración da súa portada, feita polo pintor Antón Sobral. Son catro relatos, catro cartografías vitais, catro viaxes sentimentais. Están escritos con toda a precisión do mundo, con toda a poesía agochada nos misterios do mar.

No primeiro relato asistimos á desaparición dun ser querido, que é como a desaparición dun barco ou dun horizonte vital. Perdemos as coordenadas que nos unían ao mundo e buscamos o alimento –básico e primordial- das palabras. No segundo relato vivimos unha ruptura amorosa que nos leva a afastarnos do mundo. Despois do amor sempre se produce un afastamento, un sentimento de mutismo, unha desaparición física e mental.

No terceiro relato a morte dun fillo aparece como a escenografía dun fracaso emocional. Morren os barcos, morren os mariñeiros e morren as ilusións. O cuarto relato fala dos torturadores da liberdade. O feito de sentir que os demais son libres produce, nalgunhas persoas, auténtica rabia. Son historias escritas con verdadeira paixón. Queren celebrar o sentimento de amizade. Esa familiariedade e tranquilidade absolutas que sentimos cando estamos entre xente amiga. Esas conversas íntimas que brillan profundamente e nos fan ser menos solitarios, máis humanos.

Lupe Gómez

Comentarios pechados