Menu Xerais

Crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre «A memoria e o esquecemento. O franquismo na provincia de Pontevedra», de Gonzalo Amoedo López

O crítico Manuel Rodríguez Alonso publica unha recensión sobre A memoria e o esquecemento. O franquismo na provincia de Pontevedra, de Gonzalo Amoedo López, no seu blog Bouvard e Pécuchet. Reproducímola integramente:

Un libro para ler no aniversario da II República

O día 14 deste mes celébrase o aniversario da proclamación da II República. O autor deste libro amosa como a República supuxo un intento de facer unha España máis xusta e progresista, que poñía no seu sitio os tres esteos da Restauración borbónia (Exército, Igrexa e capitalismo). A rebelión antirrepublicana produciuse, segundo o autor, porque estas clases privilexiadas da Restauración non transixían coas arelas de modernización e xustiza social que traía a II República.

O autor analiza neste exhaustivo traballo de máis de cincocentas páxinas como se produciron a rebelión e represión franquistas na provincia de Pontevedra. No “Limiar” enmarca o seu traballo dentro das tarefas de recuperación da memoria histórica e pide a derrogación da Lei de Amnistía de 1977 para, deste xeito, poder perseguir os crimes do franquismo como crimes de lesa humanidade.

A seguir, no “Preámbulo”, propón como hipótese, que probará sen deixar lugar a dúbidas nas cincocentas páxinas seguintes, que os asasinados e perseguidos polo franquismo pereceron non por accidente ou mesmo por envexas e liortas entre particulares, senón como produto dun plan ben concibido contra os elementos progresistas que trouxeron a II República. Complétase a hipótese coa valoración do escaso papel cuantitativo que tivo a Falanxe orixinal, pois a Falanxe unificada ou Movemento Nacional de Franco, estaba formada principalmente por membros da Igrexa, do capital, do Exército ou do funcionariado, que non querían perder as vantaxes do sistema monárquico, que foi desbotado o 14 de abril de 1931.

Metido xa no traballo, Amoedo analiza como viviron en España e Galicia e especialmente en Pontevedra os distintos colectivos sociais a chegada da República. Deste xeito vemos as reaccións antirrepublicanas  da Igrexa, do Exército (especialmente coa sanjurjada) ou dos capitalistas e propietarios. Así mesmo debulla os programas da Fronte Popular e dos grupos fascistas como FE ou as JONS.

Estuda polo miúdo a sublevación e quen foron os sublevados, tanto civís coma militares. Demostra como, malia a retórica tomada da Falanxe, que a Falanxe unificada ou Movemento Nacional de Franco estivo formado polos representantes das devanditas clases privilexiadas da Restauración e terminou por ser un nacinalcatolicismo con elementos fascistas.

Con gran valentía o autor cita con nomes e apelidos os que participaron nas tarefas de represión. Resulta paradigmático o perfil de Víctor Lis Quibén entre as figuras dos paseadores. Quen queira coñecer os nomes e apelidos dos paseadores e represores da provincia de Pontevedra non ten máis ca ler estes capítulos. Xa que logo, aparecen os paseos, mais tamén os paseadores. Tamén sinala o papel preponderante que nesta represión tiveron institucións como a Igrexa ou o Exército, que, por certo, nunca solicitaron o perdón do pobo español.

Moi interesante é o capítulo en que pasa revista aos intelectuais e escritores que colaboraron coa rebelión dalgún xeito. Alí están os nomes de Risco, Cunqueiro, Torrente, Castroviejo, Filgueira Valverde (son célebres as suas alocucións patrióticas por Radio Pontevedra), Moure Mariño ou ata Celso Emilio Ferreiro.

O derradeiro capítulo do libro analiza a Transición e demostra que foi unha fórmula para permitir que sigan a mandar as vellas elites da Restauración monárquica de 1874. Dedica unhas substanciosas e ben documentadas páxinas a amosar a orixe familiar franquista de persoeiros da actual monarquía como Abel Caballero, Ventura Pérez Mariño, De la Vega, Fernando Ónega, Cesar Mera… Este derradeiro capítulo do libro, en que se interpretan a Transición e o actual réxime monárquico como unha simple continuidade da Restauración de 1874, é un capítulo que debían ler todos os alumnos de segundo ciclo da ESO e do Bacharelato, para que desboten os tópicos que lles contan sobre isto os libros de texto, a historiografía oficial e mais a maior parte dos medios de comunicación.

Cómpre sinalar así mesmo os espléndidos apéndices de documentos que achega o libro, especialmente a listaxe dos seis mil membros da Falanxe unificada ou Movemento Nacional da provincia de Pontevedra. Interesante tamén é a portada, onde se presenta unha manifestación en Pontevedra, en 1964, co gallo dos vinte e cinco anos de paz, data en que era ministro de Información (e Propaganda) D. Manuel Fraga, presidente de honra e fundador do PP.

Todos os que somos republicanos temos que darlle as grazas ao autor e recomendamos vivamente a lectura deste libro para celebrar o aniversario da II República, á espera de que poidamos ver algún día unha III República confederal. Saúde a todos, compañeiros republicanos!

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados