Menu Xerais

Crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre «As palabras que move o mar», de Xaime Toxo

O crítico Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog Bouvard e Pécuchet unha recensión sobre As palabras que move o mar, de Xaime Toxo. Reproducímos os principais parágrafos:

Nova achega ao relato breve

Xaime Toxo ofrécenos neste volume catro narracións breves que teñen como elemento común, agás a derraderia, o desenvolvemento en vilas mariñeiras e nun período temporal que abarca desde o remate dos cincuenta-sesenta á metade dos setenta do pasado século, polo que, dalgún xeito, podemos estar ante unha memoria xeracional dos nados na primeira parte da década dos cincuenta, que eran mozos universitarios cando se produciu a morte de Franco.

O primeiro dos relatos, “O alento das pedras”, ten unha estrutura cirucular, pois comeza co desenlace. A morte do pai de Berta provoca que esta, mentres espera no tanatorio a incineración do pai en conversa co seu amigo Pablo, retroceda no tempo e lembre os aspectos máis rechamantes da súa infancia-adolescencia. Polos indicios ou información non elaborada que aparece neste relato (a chegada do primeiro televisor a Esteiro, a morte de Kennedy…), sabemos que os feitos acontecen no remate dos cincuenta ou nos primeiros anos dos sesenta. É o marco temporal máis recuado dos catro relatos. Neste texto o autor mestura de xeito acertado o realismo co mundo do soño e ata da fantasía cando a nena Blanca vive as experiencias do pai ao entrar no seu corpo ou soñar o que fai o pai.

O segundo relato, “Cartografías”,  transcorrre basicamente arredor dos momentos previos e posteriores á Revolución portuguesa de 1974. Repítese a mesma estrutura circular, posto que se nos conta como se produciu o encontro e ruptura da parella formada por Carlos e mais Clara, mais partindo do desenlace. Este texto pode lerse tamén como unha memoria xeracional dos universitarios nados entre 1950-1955, que viviron os últimos tempos do franquismo como estudantes en Santiago. A min paréceme unha miguiña tópico o desenvolvido sobre esta xeración, desde a música ás lecturas, ou mesmo a historia da prostituta brasileira Clara. Non obstante, os que vivimos aqueles anos e pertencemos á xeración do propio autor e dos personaxes, lemos con gusto o texto, aínda que, como dicimos, caia ás veces no tópico.

O terceiro dos relatos, “A casa dos alicerces mariños”, reitera de novo a devandita estrutura circular. A morte do adolescente Rubén, nun accidente de autobús, fai que o seu pai rememore a relación con Marta, así como con Luísa e Pedro. De novo irrompe a memoria xeracional coa historia de Pedro e a súa adicción á heroína, que rematará por producirlle a morte. O autor está a lembrar as primeiras vítimas da droga en Galicia, precisamente dentro da súa propia xeración.

O cuarto dos relatos difire dos outros tres en que non presenta estrutura circular nin transcorre nunha vila mariñeira, senón no Chile da represión de Pinochet. O narrador é un alfil dun xogo de xadrez propiedade dun neno xudeu que tivo que fuxir dos nazis a Chile e que remata asasinado polos esbirros de Pinochet, por comunista, xudeu e homosexual. É unha boa narración para ser utilizada nas clases de Secundaria e Bacharelato de distintas materias para que o alumnado vexa ás claras o que foron os nazis e mais as célebres ditaduras do Cono Sur nos setenta.

(…)

Ler a recensión completa.

Comentarios pechados