Menu Xerais

Crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre «Cara B», de Ignacio Silva

O crítico Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog Bouvard e Pécuchet unha recensión sobre Cara B, de Ignacio Silva, unha das novidades de Xerais na colección Narrativa. Reproducimos algúns parágrafos da recensión, que pode lerse enteira no seu blog:

O volume que agora comentamos preséntanos tres novelas curtas ou micronovelas que resultan de lectura moi agradable para calquera lector e que, pola extensión e tipografía, son acaídas para ser lidas no autobús, no tren de proximidade e noutros tempos e espazos semellantes aos anteriores.

A primeira das novelas curtas “Cela aberta” explora o territorio da infamia das ditaduras que torturan os disidentes. A maldade infinita do torturador consegue corromper mesmo o preso que parecía invencible e destrúeo dunha forma atroz. O lector atopará un desenlace cruel e inesperado, mais moi efectivo e propio do relato curto ben construído, que sempre esixe unha trama única e un desenlace efectista. O autor conségueo plenamente.  Por outra banda, non está de máis nestes tempos neocon, tan dados á desculpa das ditaduras do cono sur e doutras, coma o propio franquismo, lembrar a infamia da tortura e da ditadura.

O segundo relato, “Vertixes”, xoga acertadamente coas analepses (ou voltas atrás no tempo) para facer que o lector vaia recompondo a historia do accidente-suicidio do protagonista Daniel. As diferentes partes ou minicapítulos que forman este relato non seguen unha orde cronolóxica, de tal xeito que o lector ten que ilas ordenando para así quedar ante a historia da morte de Daniel e do seu amigo Raúl nun estraño accidente, motivado pola idea de Daniel de suicidarse por amor. Esta estrutura é un evidente acerto do autor.

A atracción que Daniel sente por Ana está na liña da paixón irresistible que leva a quen a padece á autodestrución, ante a posibilidade da separación da persoa amada. Mesmo é vista como unha dependencia psicolóxica semellante á das drogas duras. Axeitada metáfora para tratar sobre a paixón amorosa de xinea romántica. Por outra banda, todo o texto tenta ser unha explicación dos feitos horribles que se producen na vida de Daniel entre as nove e as once da noite do día 9 de maio de 2009. Como xa dixemos, o lector recompón a historia, a sucesión causal e temporal dos feitos, ordenando as partes que o novelista ofrece desordenadas. Ten que actuar ao xeito do montador dunha película de cine.

A noveliña curta que pecha o volume, “Escinteleos”, presenta unha nova situación marcada pola violencia e o azar: a nai cega dun asasinado protexe o asasino deste fillo, un psicópata que esquece os episodios violentos que sofre. A mestura do tremendismo co azar, que tanto fai actuar ao psicópata asasino obrigándoo a matar, como o protexe dos seus perseguidores, resulta unha mestura acaída.

Xa que logo, estamos ante tres micronovelas ou novelas curtas que teñen como punto de unión a morte, sempre presente nos seus desenlaces, e causada por psicopatías dos personaxes (os torturadores do primeiro relato son tan psicópatas como o namorado suicida ou o esquizófrenico protagonista do terceiro e derradeiro texto). Como xa dixemos no comezo, resultan dunha lectura moi agradable, polo que nos fan concibir moitas esperanzas no futuro dun novelista que parece estar nos seus comezos.

(…)

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados