Menu Xerais

Crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre «Despois da medianoite», da escritora india Salma

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog unha recensión crítica sobre e Despois da medianoite, da escritora india Salma. Reproducimos os principais parágrafos:

Tan lonxe e tan preto

Ao longo de máis de seiscentas páxinas a escritora támil Salma preséntanos a situación de sometemento abafante en que vive a muller na comunidade musulmá de Támil Nadu. Parecería nunha primeira ollada que a novela está moi lonxe dos intereses do lector occidental, mais se se le con atención e espírito crítico algunhas das situacións de asoballamento da muller que nos amosa Salma seguen tamén a estar presentes no noso propio contorno. Xa que logo, interesante novela sobre a situación da muller, non só na cultura musulmá, senón tamén sobre a situación da muller en xeral, posto que asoballamentos como os que nos describe a novelista támil aparecen tamén na nosa civilización occidental, só que disfrazados de xeito máis sutil.

A novela presenta realmente un protagonista colectivo que son as mulleres asoballadas polo home da comunidade támil musulmá de Támil Nadu. Aínda que poida parecer que nalgúns momentos sobresaen personaxes individuais como Rabia, Wahida ou Firdaus, o certo é que non podemos establecer un protagonista individual, senón que o verdadeiro protagonista da novela son as mulleres desta comunidade. É este un evidente acerto da autora.

O relato ten así mesmo un evidente carácter etnográfico pois describe polo miúdo os costumes, ritos, festas e comidas desta comunidade tradicional musulmá, centrándoo sobre todo na vida das mulleres e visto desde unha perspectiva feminina, obviando o tradicional punto de vista do home. Este interese pola etnografía fai que ás veces o lector experimente certo cansazo, pois son páxinas e máis páxinas de etnografía. É mágoa que a novelista non adelgazase esta carga etnográfica.

O mundo das mulleres desta comunidade é un mundo pechado. As mulleres, desde que teñen a menstruación, só poden vivir no ámbito da casa. O mundo exterior é só dos homes. A muller debe ocuparse da crianza e educación dos rapaces, da organización da casa, da preparación dos grandes banquetes das festas e sempre calada e obedecendo o marido. A relixión condiciona totalmente a vida. A un lector galego e occidental, máxime cando a novela ten páxinas e páxinas de contidos etnográficos moi afastados do noso mundo occidental, pódelle parecer esta situación da muller moi afastada da da muller occidental.

Mais, se ollamos cara a nós mesmos con certo distanciamento e espirito crítico, decatarémonos de que na nosa sociedade, malia que a muller traballe fóra, ten que ocuparse ela dos fillos, levar a casa e mesmo ser quen organiza os banquetes do Nadal, da festa do patrón ou simplemente do aniversario dos cativos. O que lea nesta novela que a muller, segundo o ditados dos imáns, debe ter os fillos que Deus lle mande e non usar métodos anticonceptivos, pode pensar que está a oír algunha homilía de Rouco Varela. Por iso, parécenos que o que relata a novela está lonxe, mais tamén preto de nós, como diciamos no parágrafo introdutorio.

A novela, ademais do testemuñal e crítico, reúne outros méritos como é a boa creación de figuras femininas e o lector queda coas imaxes de mulleres como a preadolescente Rabia, a casada á forza con quen non quere Wahida, coa suicida Firdaus, coa cruel Amina e outras que non é do caso citar para non alongarnos en exceso. Ao igual que acontece en La casa de Bernarda Alba as mulleres de certa idade son as que asumen máis ao pé da letra o código de valores e normas machistas, mais as rapazas, como por exemplo Rabia, Firdaus ou a propia Wahida, comezan a cuestionar eses valores e esa conduta a partir dos modelos que lles ofrece o cine ou os libros que len na biblioteca pública. Tamén na escola ven que poden ser máis listas ca os homes. Velaí está a esperanza para o futuro.

Tamén acerta a autora no trazado das figuras masculinas, algunhas delas vítimas do código machista que os fai comportarse dun xeito que lles crea ata certo noxo, como é o caso, por exemplo, do pai de Wahida, especialmente a propósito da voda da filla. Noutros casos acerta ao pintarnos homes completamente noxentos coma o sogro da devandita Wahida ou túzaros talibáns como Suleimán.

Xa que logo, malia que por un etnografismo excesivo poida resultar pesada ás veces a lectura, cómpre ler esta novela para decatármonos que non se poden considerar culturas democráticas aquelas que someten e abafan a liberdade da muller. Por outra banda, nós, occidentais, temos que superar ese sentido de superioridade que nos fai crer que ese asoballamento da muller só é propio do Terceiro Mundo e de ideoloxías como a musulmá. No noso Primeiro Mundo segue a existir este sometemento da muller (como xa vimos a propósito do control de natalidade), aínda que disfrazado por procedementos sutís ou porque non reparamos neles xa que levamos moito tempo a admitilos.

(…)

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados