Menu Xerais

Crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre «Fundación Libélula» de Yashmina Shawki

O crítico Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog Bouvard e Pécuchet unha recensión sobre Fundación Libélula, de Yashmina Shawki. Reproducímola integramente:

Entre o realismo social e o realismo sucio

A situación de asoballamento que aínda sofre a muller leva á autora a presentar nesta novela curta a historia de varias mulleres da nosa contorna, que se nos fan familiares pois parecen sacadas de exemplos da nosa experiencia próxima ou mesmo das páxinas de sucesos. Para acadar este propósito de denuncia, a autora bota man do realismo social e do chamado realismo sucio.

A novelista para presentar a situación de asoballamento da muller na nosa sociedade emprega os procementos do tan deostado realismo social, pois pretende que o lector tome conciencia do devandito asoballamento e mesmo instrúe sobre a dirección en que debe interpretar o relato. Tampouco evita o maniqueísmo ou incluso o emprego de personaxes planos (como, por exemplo, a avogada fundadora da ONG Fundación Libélula). Mais isto resulta lícito en quen ten como propósito cando escribe concienciar dun problema.

Ao lado da literatura obsesionada pola forma, ten que existir esta literatura, que conciencie os lectores dos problemas que sofre a nosa sociedade. Pode parecer inxenua e ata primitiva tecnicamente, pero todo depende do obxectivo que procure o escritor e tamén do público ao que se dirixe. Estamos necesitados de realismo social, especialmente ante os problemas como os da violencia de xénero.

Mais a autora tamén bota man dos recursos do realismo sucio, especialmente cando nos describe a vida das clases baixas e medias baixas urbanas. A vida da camareira Laura é un bo exemplo deste tipo de realismo, coa súa obxectividade ou mesmo minimalismo, na liña de Carver. A autora debe afondar en sucesivas obras nesta liña, pois cremos que está moi ben dotada para este realismo sucio, que, para a denuncia, resulta aínda máis efectivo ca o realismo social.

Nalgúns casos o relato roza o terreo do melodrama (o cancro da avogada, a historia da estudante Helena…), mais a causa ben o merece. Non esquezamos que o folletín foi no século XIX unha das liñas de penetración dos socialismos e anarquismos, que tanto ben lle fixeron á sociedade occidental, pois de non ser por eles aínda andariamos como escravos do clero, da nobreza e do capital.

A novelista tenta ás veces, mesmo con cambio de tipografía, presentar o texto do narrador omnisciente en contraposición co que pensa o personaxe. No futuro debe profundar nestas técnicas perspectivistas, que agora aparecen usadas con inxenuidade de principiante na narrativa.

Aínda que priven os personaxes planos, nalgúns casos hai personaxes de certa complexidade, aínda que só sexa insinuada, como o sogro da camareira ou tamén a sogra desta mesma personaxe, en canto portadora dun sistema de valores machista cando ela é unha muller. Un caso semellante ao de Bernarda Alba, que nos fala da alienación. Acerta tamén na obxectividade con que trata o personaxe do ex-marido da avogada.

Non menos gratificante é a crenza na condición humana que se desprende da lectura desta noveliña. Son moitos os desalmados, mais tamén abundan os bos e xenerosos, que toman partido a prol de que sofre é explotado ou torturado. Xa que logo, aínda que, ás veces a noveliña poida parecer inxenua, que estea demasiado evidente a tese, que o narrador nalgúns caso veces sexa un sermonador ou que desguste aos que sempre están a clamar contra o realismo social ou crítico, cómpren na nosa literatura novelas coma esta. Por certo, boa lectura para comentar nos redutos machistas que poidan quedar nas clases de ESO e Bacharelato dos nosos centros de ensino.

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados