Menu Xerais

Crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre «Recendos de aire sonoro», de Antonio García Teijeiro

O crítico Manuel Rodríguez Alonso publica unha recensión sobre Recendos de aire sonoro, de Antonio García Teijeiro, no seu blog Bouvard e Pécuchet. Reproducímola integramente:

Poesía desde cativos

Nos plans de estudos a literatura e sobre todo a poesía ocupan cada vez menos tempo e espazo. A implantación da ESO supuxo que a lingua e a literatura pasasen a formar parte da mesma materia e os nosos libros de texto enchéronse dos chamados textos funcionais ou utilitarios, de tal xeito que foron quedando cada vez menos textos literarios e sobre todo menos textos poéticos. García Teixeiro vai contra esta liña e escribe un libro de poesía xa non para adolescentes, senón para rapaces de Primaria e sen caer na mexericada que moitas veces é a poesía chamada infantil, pois ata un adulto goza coa lectura dos poemas deste libro. Vese que o poeta, mais tamén o profesor García Teijeiro espera que volvan os tempos bos para a lírica.

O poemario que agora nos ofrece García Teijeiro é un canto, e valla a redundancia á música, especialmente aos instrumentos musicais. Os rapaces, especialmente os de Primaria, poden, coa lectura en voz alta e en grupo destes poemas, mais tamén coa lectura silenciosa e individual, aínda que sempre guiados e asesorados polo profesor, aprender que a poesía é música e fundamentalmente ritmo. A poesía é a música que se fai coa linguaxe.

Un bloque de poemas do libro está formado por aqueles en que o poeta presenta e caracteriza diferentes instrumentos. Mais diante coloca uns poemas en que o propio mundo, ao xeito dos platónicos e dos renacentistas, así como a natureza e o universo son definidos como harmonía e música. En axeitada metáfora creacionista o aire que forma a nosa atmosfera non é máis que música libre en movemento. Os elementos da natureza, desde as flores ao mar, pasando polas nubes, son cores / que queren cantar (páx. 15). E reparemos en que o poeta, coma quen non quere a cousa, vai familiarizando os cativos con técnicas fundamentais da poesía, desde a revolución simbolista, como a sinestesia, a aliteración, a cenestesía ou as estruturas paralelísticas.

Tras este marco do universo-natureza como harmonía e música, pasa o autor revista a distintos instrumentos. En moitos casos bota man dunha técnica hilozoísta, que o emparenta coa vangarda galega de anteguerra. Neste vangardismo non faltan mesmo os puros xogos de sons sen significado, polo puro pracer e beleza do son en si mesmo, ao xeito das vangardistas jitanjáforas de Alfonso Reyes, como podemos observar no poema dedicado ao violoncelo (páx. 21). Non esquece tampouco que na poesía moderna a grafía ou a disposición dos versos sobre a páxina é tamén significativa (léase o poema dedicado ao trombón, na páx. 115). Xa que logo, nada de poesía mexeriqueira, ao estilo de Gloria Fuertes no castelán, senón poesía que, coma quen non quere a cousa, inicia os rapaces nas técnicas e na sensibilidade da poesía contemporánea e posvangardista.

Como non podía ser menos no ano dedicado a celebrar o aniversario de Pintos, a gaita, instrumento tradicional galego, é glosada en dous poemas. Deste xeito, García Teijeiro une o universalismo vangardista co local ou converte o local en universal, que era unha vella teima dos vangardistas e nacionalistas como Manuel Antonio.

Por último, un grupo de poemas presenta xéneros musicais ou figuras da música, mesmo da contemporánea, que se puxeron ao servizo de causas nobres como a condena do racismo, o pacifismo ou a procura dunha nova sociedade maís xusta, que podemos exemplificar no poema laudatorio de Bob Dylan.

Se axeitados son os poemas para os seus receptores, tamén apropiadas resultan as ilustracións de Fino Lorenzo, onde se combinan colaxes con trazos xeométricos de xinea cubista, que levan os rapaces cara á pintura moderna, especialmente a non figurativa.

Só nos queda animar ao profesorado e aos pais e nais para que inciten aos rapaces á lectura deste libro, desbotando a teimosía de traballar tanto texto útil e funcional. Baixo o pretexto de formar para a vida estamos a refugar a literatura e  a poesía. Non esquezamos que a literatura presenta moitas veces unha visión do mundo alternativa á que nos ofrecen os poderes. Non lles fagamos o xogo a estes poderes fácticos e formemos os nosos rapaces na lectura da poesía. Libros coma este son un bo comezo para conseguir futuros lectores adultos de poesía.

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados