Menu Xerais

Crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre «V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico»

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog unha recensión crítica de V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, editado por Xerais e a Radio Galega:

(…)

O libro reúne os autos (entendido o termo auto como peza breve de teatro, tanto relixiosa como profana) gañador e finalistas do V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico.

A obra premiada, “Paraísos”, de Xosé Manuel Pacho Blanco, emprega o tópico (entendido tópico non de xeito pexorativo, senón como motivo ou recurso literario que se repite ao longo da historia) do teatro dentro do teatro, pois unha obra de teatro radiada vese interrompida pola noticia dun suposto accidente-atentado contra o Rei, que o fere gravemente e que ata causará a súa morte. A obra seguirá desenvolvéndose, mais cada pouco será interrompida sobre as noticias breves acerca da evolución da saúde do Rei.

A obra teatral presenta a vida dunha xornalista que ademais do traballo, asume o coidado dun pai con demencia senil e mais do fillo. Introdúcese unha suposta entrevista co novelista xa falecido Roberto Bolaño, que dá pé para facer unha división dos narradores entre escritores e escribidores, na liña do Vargas Llosa de La tía Julia y el escribidor. A obra remata co boletín que informa sobre a morte do Rei.

(…)

Os outros autos que recolle o libro son os tres finalistas do certame. No primeiro deles (“Como eliminar as manchas de vómito”), Eva Freixeira Ferreira explora o mundo da loucura e dos procesos de bulimia-anorexia, nun marco de claustrofobia e autodestrución. No segundo (“Carne de canón”) a actriz Rebeca Montero pon ao descuberto os procesos de manipulación que realiza certo xornalismo supostamente humanitario, mais que procura o éxito de audiencia por enriba de calquera consideración ética (por certo, nun texto castelán desta obriña aparece un metagrafo incrible: para que deje de hechar mierda…; páx. 60). O terceiro autor (“Señora Carme”), de Manuel Román, entra polos vieiros do teatro do absurdo e é, posiblemente, o que necesite dun maior esforzo por parte do oínte.

(…)

Xa que logo, as catro pezas breves presentan unha gran dignidade e cómpre que estes premios da Radio Galega continúen no futuro. O libro vai acompañado por un CD, coas obriñas. Este teatro para ser escoitado e no que a imaxinación ten que suplir o decorado ou mesmo o físico e caracterización de actores e actrices pode ser de grande utilidade nas clases de lingua, máxime cando vai acompañado polo texto gravado en  CD. Especialmente útiles neste sentido son as pezas “Paraísos” e “Carne de canón”.

(…)

Comentarios pechados