Menu Xerais

Crítica de Marga Romero sobre «Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial», de María Xosé Queizán

O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, publica hoxe unha crítica de Marga Romero sobre Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial, de María Xosé Queizán. Reproducímola integramente:

Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial, último libro de Mª Xosé Queizán, publicado dentro da colección “Ensaio” de Edicións Xerais, detense na biografía de Mary Wollstonecraft Shelley, no seu carácter de orfa e mais na presenza constante da súa nai, a pensadora Mary Wollstonecraft –autora de Vindicación dos dereitos da muller (traducida ao galego por Mª Fe González Fernández para Sotelo Blanco)– quen morreu dez días despois do parto.
Igualmente, sinala María Xosé Queizán o feito de que Mary Shelley fose compañeira e nai das criaturas ideadas por Percy Shelley, asemade que subliña, como non, o feito de ser ela mesma a creadora de Frankenstein, o moderno Prometeo. Polo demais, o ensaio de Queizán, no que ecoa a novela, volve sobre un tema recorrente na obra da escritora galega: trátase da maternidade, que xa centrara outro traballo anterior, Escrita da certeza (Espiral Maior, 1995). A maternidade e o mesmo momento do parto que deixa orfa a protagonista do libro, que case a mata como lle acontecera á súa nai e que mata así mesmo tantas criaturas. Ese binomio nacemento/ morte é o que está detrás da escrita sobre o científico Frankenstein e o seu desexo de crear vida artificial, cuxa autora, entre a herdanza ilustrada e racionalista e o ambiente romántico, ansia “a inmortalidade, ante a morte dos seres queridos”. María Xosé Queizán trasládanos deste xeito ao pensamento da época e mais aos adiantos científicos dos que era coñecedora Mary Wollstonecraft Shelley, o que lle permitiu escribir “unha novela máis ilustrada que romántica” e converter
“a maxia en ciencia”.

Marga Romero

Comentarios pechados