Menu Xerais

Crítica de María Navarro sobre «Florentino, o príncipe Quino», de Gloria Sánchez

O Faro da Cultura, de Faro de Vigo, inclúe unha crítica de María Navarro sobre Florentino, o príncipe Quino, de Gloria Sánchez, que reproducimos a continuación:

De animais
Atmosfera de contravaloración

O proceso físico que asegura que os corpos con cargas distintas se atraen preséntase neste conto, que a Editorial Xerais vén de publicar na colección “Merlín”, como unha teoría que, ás veces,prende nos seres vivos. A historia situada nun tempo lonxano no que, polo visto, os animais falaban ten como protagonistas unha familia de porcos que gobernaban un país habitado por corrichos cuxo requisito imprencindible para rexer o país era ser o máis porcallán de todos. Nace Martiño Tonecho Segundo, mais quere o destino que o futuro rei, chamado popularmente Quino Quiniño, se afaste das prácticas noxentas dos seus antecesores e mude as palabras groseiras e a suciedade por un vocabulario axeitado, as boas formas e unha exquisita hixiene persoal. Por outra parte, coñecer a Cocha Alba vai supoñer un xiro nos seus gustos e preferencias e a demostración de que a cabra tira ao monte. Gloria Sánchez recrea para os máis pequenos un conto de animais que xoga coas coordenadas do desaliño e da inmundicia e o fai de tal forma que pituitarias, papilas gustativas e tímpano póñense en funcionamento para sentir e rexeitar sensacións dsagradables que o ollo humano percibe como insalubres.
A esaxeración extrema, a deturpación de valores e a mestura de planos repugnantes
nun escenario autenticamente noxento proporcionan ao texto unha atmosfera de contravaloración onde o lector mozo poderá percibir o que non quere, o que non está ben e/ou o que debe rexeitar.
As ilustracións de Xan López Domínguez, máis amables ca o texto, suavizan a temática e elevan á categoría de falsa realidade unha historia que esvara polos
regos da ficción e se coa polos buratos do submundo.

María Navarro

Comentarios pechados