Menu Xerais

Crítica de María Navarro sobre «Macarrón de narices», de Xoán Babarro González

O suplemento literario Faro da Cultura, de Faro de Vigo, inclúe hoxe unha crítica de María Navarro sobre Macarrón de narices, de Xoán Babarro González, que reproducimos:

Un conto é un conto
Cando reina a imaxinación

Coa sentenza “Un conto é un conto” remata Xoán Babarro González a súa narración que en forma de historia publica na colección“Merlín”de Edicións Xerais de Galicia baixo o título Macarrón de narices e na que entrelazando personaxes, acontecementos, descricións, desexos e poderes máxicos vai xestando un entramado de accións-reaccións no que reina a imaxinación.
Usando as coordenadas da irrealidade e da extravagancia, que proporcionan o disparate ou o absurdo, sitúanos o autor nun espazo e nun tempo afastados e cercanos, nun contexto irreal e cotiá, cuns personaxes posibles , pero que chegan a ser imposibles.
E dende esta posición envía mensaxes e contramensaxes, traballa valores e contravalores, idea ataques e contraataques nun universo no que o material elástico que o alberga corre o risco de non voltar ao sitio.
Comeza o conto co nacemento do herdeiro do reino de Narices que resultou ser un choromicas, mal comedor, caprichoso e malencarado. Mais o día que cumpre sete anos dan coa fórmula milagreira servíndolle sete cazolas de macarrón con tomate, alimento que ha de ser o seu sustento de aquí en diante e que lle proporcionará un aspecto característico non só ao príncipe,senón tamén á familia real afeccionada tamén a tal saborosa comida.
Someterse aos ditados dun neno malcriado, ao que dende o berce se lle outorgaron non poucos privilexios, non semella o mellor camiño para o desenvolvemento dunha persoa que fai do antollo a súa filosofía de vida e non establecer límites por comodidade tampouco, mais… un conto é un conto!

María Navarro

Comentarios pechados