Menu Xerais

Crítica de María Navarro sobre «Xoa», de Antonio Yáñez Casal

O Faro da Cultura (Faro de Vigo) publicou onte unha recensión crítica de María Navarro sobre Xoa, de Antonio Yáñez Casal, que reproducimos integramente:

Ingredientes atractivos

Con boa cadencia narrativa

Os cambios supoñen a miúdo unha crise que non sempre resulta doado asimilar, toda ruptura co setado anterior leva asociada unha modificación ou alteración,ás veces, difícil de encaixar.
O nome da protagonista, Xoa,convértese no título do conto que Antonio Yáñez Casal vén de publicar e que fará as delicias do lector novo, porque na historia se combinan ingredientes atractivos para os pequenos: deste xeito, os protagonistas pertencen ao reino animal e o decorrer dos acontecementos demanda a complementarieda de / complicidade do lector para resolver enigmas que lle permitirán á Xoaniña ir acadando aspecto de membro adulto.Se a isto sumamos a cadencia na narración e unha forma clara e sinxela de contar a través dunha linguaxe coidada o resultado cáseque ten o éxito asegurado.
Quere a ficción literaria que a coccinella septempunctata teña, despois da eclosión inicial, que desenvolver o proceso dunha metamorfose completa;primeiro en larva, logo en pupa e finalmente en imago superando sete probas en cada unha das cales obterá o punto característico que cobren os élitros do coleóptero. Para levar a cabo tal empresa emprega Xoa os recursos dos que dispón; consellos da nai, ensinanzas dos habitantes do campeiro…e moito, moito enxeño.E como soe suceder nestes casos o resultado final é unha inmensa satisfacción polo traballo ben feito que ten a súa recompensa no punto que tras cada solución lle marcan no corpo.
Trátase dunha historia ben sinxela que ben pode ser considerada unha metáfora da vida; un percorrido cara a adiante no que día tras día imos superando  probas e/ou retrocendo pasos.

María Navarro

Comentarios pechados