Menu Xerais

Crítica de Paula Fernández sobre «O meu gato é un poeta», de Fran Alonso

O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, publica unha recensión crítica de Paula Fernández sobre O meu gato é un poeta, de Fran Alonso. Reproducímola integramente:

Orixinal proposta

Xogando coas palabras

O gato poeta, que escribe porque lle peta, resulta ser, sen dúbida, un atípico –aínda que auténtico– coñecedor das palabras, un sabedor da linguaxe e mais dos sons. Porén, o que podemos observar aqueles que nos achegamos ás páxinas deste libro, é que, sobre todo, tras del hai alguén que sabe xogar con eles, alguén que nos fai visualizar a súa poesía e que consegue darlles vida a esas mesmas palabras, convertelas nas protagonistas –sen elas, o xogo e mais a poesía serían imposibles– e interesar tamén nelas a quen queira que lea.

E así, coas palabras e cun maxín cheo de boas ideas, Fran Alonso, home avezado neste campo de público tan esixente e que nesta ocasión tamén se atreveu co deseño –incidindo deste xeito na orixinalidade da obra–, xoga con rimas, formas, palabras encadeadas ou aliteracións e consegue unha colectánea de poemas divertidos aos que engade suxestións para non rematar a acción poética na lectura, no fondo todos somos poetas e mesmo se dan consellos para selo.

Un agasallo para os sentidos é o que lles achega o libro deste gato poeta de Fran Alonso aos lectores e ás lectoras a partir dos oito anos nun espectáculo da poesía que continúa na rede, nun espazo creado para levar a poesía máis alá do papel, e que vén acompañado dun CD onde o autor recita algunhas composicións acompañado de Xurxo Souto co seu acordeón. Por iso este poemario constitúe unha completa e orixinal proposta para a poesía infantil, afastada de mitos e regras ou canons que restan frescura, un instrumento para quen le, quen escoita e quen se atreve despois a xogar coas palabras.

Paula Fernández

Comentarios pechados