Menu Xerais

Crítica de Paula Fernández sobre «O souto escuro e perigoso», de Miguel Vázquez Freire

Paula Fernández publica no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre O souto escuro e perigoso, de Miguel Vázquez Freire, ilustrado por Xosé Tomás.

O medo á escuridade

Divertido episodio

Desde logo, o máis habitual cando falamos dos bosques na literatura infantil, é pensar en lugares magníficos: espazos con fermosas árbores verdes que baixo un ceo azul dan acubillo ao rechouchío de lindos paxariños, un locus amoenus onde a noite e os perigos semellan non existir.
Por iso sorprende este territorio que nos amosa un autor con tanta experiencia pedagóxica como Miguel Vázquez Freire, (Corcubión, 1951), quen xa dende o título do conto, O souto escuro e perigoso –publicado na colección “Merliño”, de Xerais- incide na escuridade, e no ton mouro de moitos dos seus habitantes, os máis feros, que se contrapoñen a un inofensivo coelliño branco que pasea polas ilustracións de Xosé Tomás (Betanzos, 1971), para rematar amosándonos tamén que o medo constitúe un sentimento que non ten por que nos dominar. A aparición do temor debe ir parella ás circunstancias que nos acompañan, e, se estas son favorables, entón pode producirse un episodio tan divertido como o que podemos ler ao longo destas páxinas.
Tanto as ilustracións, finas liñas brancas que debuxan figuras sobre un fondo negro, coma o texto, que non deixa de repetir o negro e perigoso que son o bosque, o seu lobo e mais o seu oso, aínda que empregando unha linguaxe case colorista pola súa dozura na profusión no emprego de diminutivos, recrean un espazo moi afastado dese lugar idílico que cabería agardar, e xa o desenlace conduce a quen le a unha reflexión sobre algo que tanto atormenta moitas veces aos rapaces e e ás rapazas, o medo á escuridade.

Paula Fernández

Comentarios pechados