Menu Xerais

Crítica de Paula Fernández sobre «Verbas de sal» de Antonio García Teijeiro

O suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, inclúe unha recensión crítica de Paula Fernández sobre Verbas de sal, de Antonio García Teijeiro. Reproducímola a continuación:

Un libro de Antonio García Teijeiro adoita ser un lugar privilexiado para nos deleitar co sabor da boa literatura, esa que emociona e deixa un pouso de ensoñación no noso pensamento, onde mesmo despois da lectura as palabras seguen fluíndo e lembrándonos o intre vivido. E isto é o que tamén acontece conVerbas de sal, unha historia en ton decadente e romántico que recrea a vida en Vilamollada, unha vila pequena con todas as cousas que se atopan decote nas vilas, un lugar normal que conta entre os seus habitantes con don Evaristo, un tolo de aspecto bohemio que lle escribe versos ao mar, e Xulieta, unha rapaza que ante todo se atopa soa. Ambos os dous conseguirán amosar o triunfo da amizade por riba de prexuízos cando hai verdadeira vontade de querer os demais.
Unha narración cargada de poesía, como tantas veces en Teijeiro, non só polo feito de o vello escribir poemas para o mar senón tamén polo simbólico do feito e pola beleza da prosa. Música clásica voando e enchendo cuartos de emoción ou un sol comprensivo que fai gozar coas súas raiolas son pequenos exemplos da fermosura das imaxes que o autor regala na súa narración. Esta prosa poética, á beira dunha historia interesante que xoga co misterioso e o máxico, é quen de engaiolar os lectores, quen seguirán con agrado o desenvolvemento saboreando tamén a sinxeleza das liñas das ilustracións de Alberto Vázquez, que dan forma plástica a Vilamollada e os seus habitantes.

Paula Fernández

Comentarios pechados