Menu Xerais

Crítica de Ramón Nicolás sobre «A agonía do león», de Carlos Reigosa

O crítico Ramón Nicolás publicou o pasado sábado no suplemento Culturas, de La Voz de Galicia, unha recensión crítica sobre A agonía do león, de Carlos Reigosa. Reproducimos o texto integramente:

Un relato da historia recuperada

Quen sexa afeccionado á historia, á recuperación da memoria de períodos ou de personaxes máis ou menos significativos ou escurecidos polo paso do tempo, mais tamén para quen queira achegarse ao que se podería entender como unha solvente e estimulante narración que semella de ficción, aínda que non o sexa, cargada de vigor e ganduxada cos mellores fíos posibles que pode ofrecer tanto o xornalismo como a propia creación literaria, penso que se poden felicitar porque A agonía o león. Esperanza e traxedia dos escapados, o último libro en lingua galega do xornalista e narrador da Pastoriza Carlos G. Reigosa, premiado na súa versión castelá co galardón internacional Rodolfo Walsh de literatura testemuñal en 1996, representa, sen dúbida, todo un acerto ao situarse na encrucillada destes dous camiños.

Camiños andados que se benefician dun inxente traballo de documentación, tanto en forma de investigación bibliográfica como no que atinxe á recolla de información procedente de testemuños de carácter oral, o que lle outorga ese interese engadido a través do que se desvela, por vez primeira,  a memoria de quen viviu, na proximidade ou en primeira liña, feitos lembrados que dalgún xeito tamén co-protagonizaron, se se quer evocacións dun tempo afastado pero requiridas cando aínda estas asomaban con receo e proviñan de espazos recónditos que nunca querían ser visitados.

Malia o dito, ou talvez por iso, outra das características do libro, e non menos relevante, cífrase nunha aliaxe heteroxénea de diferentes elementos que o constitúen, isto é, A agonía do león ben se pode ler como un capítulo substantivo, e pouco difundido, da historia recente, mais tamén nunha parte esencial como unha novela ou como crónica de acontecementos esgazadores derivados da guerra do trinta e seis…, mesmo como unha reflexión comprometida sobre a supervivencia e a violencia, sen esquecer esa posibilidade de achegarse a el como a plasmación dun retrato de La Cabrera, ese espazo situado no noroeste da provincia de León, no límite con Zamora, que adquire unha categoría especial xa non unicamente como un espazo senón case como personaxe máis, tal é a forza determinante dese lugar onde se agachou moitos anos o protagonista deste libro formando parte do maquis… O protagonista, aínda non se dixo, quen permite todas esas posibilidades de enfoque, foi unha persoa de carne e óso: Manuel Girón Bazán, quen a fin de contas posibilita que a través de vinte capítulos poida asistirse á evolución das súas reviravoltas biográficas; un home que, desde o seu oficio de campesiño verá interrompida a súa rutina cotiá por mor da guerra para converterse, logo de cumprir como soldado na fronte de Asturias, nun guerrilleiro antifranquista con elevadas capacidades intuitivas e que vivirá os seus  longos e derradeiros quince anos envolto nunha espiral de fuxidas cara adiante, librando sempre batallas desiguais.

Obra poliédrica, así pois, prologada de xeito maxistral por Manuel Leguineche, e que entendo de elevado interese non só para os afeccionados á historia e aos seus retallos perdidos, como sinalaba ao comezo, senón tamén para os que o son ao xornalismo literario e de investigación.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados