Menu Xerais

Crítica de Ramón Nicolás sobre «Poesía completa» de Lois Pereiro e «Lois Pereiro, náufrago do paraíso», de Marcos Calveiro

O crítico Ramón Nicolás publicou o pasado sábado no suplemento Culturas, de La Voz de Galicia, unha recensión crítica sobre Poesía completa de Lois Pereiro, en edición de Ana Acuña, e sobre Lois Pereiro, náufrago do paraíso, de Marcos Calveiro. A recensión pode lerse tamén no seu blog. Reproducímola integramente:

E a loia segue o seu voo

Seguen a ocupar os andeis das novidades editoriais as publicacións derivadas da celebración do Ano Pereiro. Asoman aínda outros traballos de diverso carácter e orientación, como os que se agardan de Daniel Salgado, Antón Lopo ou Iago Martínez entre outros, mais entrementres circulan xa estas dúas entregas que a continuación se presentan.

O PEREIRO MÁIS HUMANO

Marcos Calveiro ofrece, así pois, en Lois Pereiro. Náufrago do paraíso unha vizosa revisión dos aspectos vitais e artísticos de Lois Pereiro. E había tempo que un non lía un exercicio biográfico que, rexido polo principio da sinxeleza, estivese gobernado por unha estrutura tan orixinal que, talvez por riba doutras posibles consideracións, contaxia unha enorme sensibilidade respecto do biografado e do seu legado literario.

Sinxeleza, non sempre doada de conseguir, que de certo é resultado dun traballo intenso de expurga e priorización do realmente substantivo que se obtivo de  lecturas, interpretacións, consulta de documentos e testemuños orais. Esta materia prima xa modificada conduce o lector por un exercicio de iluminación das diferentes estancias vitais de Lois Pereiro, articulándose a través de vinte e dous breves capítulos,  e aquí radica a súa orixinalidade,  que se presentan coma se fosen vinte e dúas escenas dun falso guión cinematográfico que afonda, reconstrúe e describe verosímiles situacións evocadas, poboadas sempre de personaxes tanxibles. O recurso, que sería tan querido ao biografado pola súa manifesta cinefilia, permite asemade certo distanciamento respecto do relatado, aínda que nunca non oculta a especial sensibilidade con que calquera capítulo é tratado.

Fóra, así pois, da escolla representativa de momentos clave dunha biografía, o libro de Calveiro posúe valores engadidos como son tanto o de reconstruír, mesmo emocionalmente, toda unha vida como o de rescatar moitos elementos e fíos soltos, agora anoados, tirados do faio da memoria familiar –esas “torres que o sostiveron” en feliz expresión do biógrafo- e de persoas próximas do universo pereiriano, e todo suturado cunha prosa áxil, coidada, visual e efectiva. Pouco máis se pode pedir a un libro que, ademais, incorpora unha útil cronoloxía e mais unha breve escolma poética do autor.

PARA LER TODA A SÚA POESÍA

E para completar, ou iluminar, a anterior achega talvez nada mellor que complementala cun exercicio ineludible como é a lectura, ou relectura, da palabra herdada do poeta. Con este obxectivo, Edicións Xerais de Galicia, da man da profesora Ana Acuña, integra en Poesía completa a totalidade dos textos poéticos de Lois Pereiro, incorporando nun único volume tanto o póstumo Poemas para unha Loia, como os Poemas 1981/1991 e a Poesía última de amor e enfermidade, alén doutros cinco textos soltos tirados das revistas Luzes de Galiza e Anima+l, xunto con senllos prólogos que acompañaban o primeiro dos poemarios recuperados que asinaron no seu día Manuel Rivas e Manuel María.

A proposta, acaidamente introducida e editada de xeito respectuoso coas edicións orixinais, permite deste xeito obter unha visión global, completa e integradora que, abofé, posibilita unha vez máis acceder a ese mundo literario, persoal e singular, que Lois Pereiro deixou espallado nestas publicacións. Unha construción poética que é un retrato contemporáneo e fresco do noso tempo, poboado por infinidade de referencias literarias, musicais e cinematográficas. Nos poemas hai espazo para resonancias esgazadoras en ocasións, e sempre emitidas desde  fondas raigames universalistas e de xinea propia, con multitude de claves actuais que deben converterse nunha invitación explícita para compartir e espallar, sobre todo entre lectores máis novos que han descubrir unha voz que lles fala directamente, ao cerebro e ao corazón.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados