Crítica de Ramón Nicolás sobre «V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico»
Ramón Nicolás publicou nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, editado por Xerais e a Radio Galega.
Teatro nas ondas
Sigo, case afirmaría que con devoción, as propostas que se van coñecendo nas sucesivas convocatorias do concurso de teatro radiofónico que organiza a Radio Galega anualmente e, xaora, as respectivas publicacións
que recollen con puntualidade, da man de Edicións Xerais e desde hai cinco anos, a totalidade dos galardóns outorgados. Por iso é ben tempo que, malia que sexa brevemente, se dea conta desta iniciativa que, outra vez, inclúe un cedé coas gravacións dos textos teatrais e mais o libro que agrupa a proposta dos textos finalistas e daquela que foi galardoada nesta ocasión, concitando os favores tanto da audiencia coma do xurado profesional, composto por Ana Vallés –prologuista tamén do libro-, Vanesa M. Sotelo, Camilo Franco, Ana Rosales, Ana Romaní e Anxo Quintela.
X.M. Pacho Blanco, coñecido ata agora pola suxestiva A choiva do mundo, anovadora proposta coa que gañara o premio Torrente Ballester en 2007, é quen subscribe o dobremente premiado Paraísos, onde formula unha alternativa tematicamente inusual entre nós, alicerzada desde un espírito subversivo que apunta ao cuestionamento da propia realidade. Nela fai uso dun rendible recurso como é o de ofrecer teatro dentro do teatro e impulsar deste xeito o protagonismo da propia radio na peza pois esta aparece articulada a través de cortes de carácter informativo arredor dun accidente sufrido polo rei de España, que se vai enlazando con entrevistas, como a que se ofrece con Roberto Bolaño, e outras historias particulares, ningunha delas exenta dun pouso crítico, mesmo provocador, e desde as que se cuestionan moitas cousas.
Nese ronsel certamente reivindicativo, no que parece un factor común dos textos teatrais galardoados, foron Eva Freixeira Ferreira, Rebeca Montero Martínez e mais Manuel Román quen completan esta entrega erixindo uns textos que suscitan, respectivamente, reflexións sobre asuntos como a bulimia e a tolemia, a práctica dun xornalismo hipócrita e alleo a calquera comportamento ético e, finalmente, a reivindicación dos valores que encerra a liberdade abeirándose á fórmula do teatro do absurdo. Todos eles veñen sumarse con merecemento á nómina de propostas teatrais-radiofónicas ao servizo dos lectores, sexan estes afeccionados ou non a este formato tan singular desde o que se ofrece un espazo aberto e creativo para a intervención e imaxinación de quen le, mais tamén de quen escoita. Non esquezo, finalmente, que esta iniciativa se trata, ao tempo, dun magnífico recurso para desenvolver algunhas prácticas docentes e fago os meus votos para que este galardón continúe, con tan boa saúde, moitas convocatorias máis.
Comentarios pechados