Menu Xerais

Ritmo fluído desde o humor: «O violín de Rembrandt», de Jorge Llorca. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou no suplemento «Fugas» de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre O violín de Rembrandt, de Jorge Llorca, novela gañadora do Premio Blanco Amor 2013.

 

O VIOLÍN DE REMBRANDT

INTEGRIDADE E SOIDADE DESDE O HUMOR

PUBLÍCASE O PREMIO BLANCO AMOR 2013: UNHA NOVELA QUE TRANSITA POLOS EIDOS DO HUMOR CONSTRUÍNDO UN FRESCO DE PERSONAXES E HISTORIAS ENTRECRUZADAS CON VIDA DE SEU PROXECTADAS CARA UN TERRITORIO INTIMO

Jorge Llorca saltara á narrativa en lingua galega hai escaso tempo con O´salto do Can, unha novela estimable que escribía a memoria dunha xeración no mármore dunha mesa tabernaria, á que agora xunta O violín de Rembrandt, proposta  que acadou a trixésima primeira edición do Premio Blanco Amor de novela longa.

            Nesta ocasión aborda, a través da ficción, asuntos como son a soidade do ser humano a carón da integridade e da pertinencia de manter os principios, isto é,  de ser fieis e leais a eles, ou non selo, sobre todo cando se presentan circunstancias que fan pensar nas tentacións suscitadas pola existencia de diversas pezas artísticas de valor. E faise cunha perspectiva de xinea humorística e retranqueira, en ocasións beireando o esperpento, elementos operativos para outorgar certo distanciamento cara a asuntos que, pola súa trascendencia, puidesen casar dificilmente con esa escolla. Mais o certo é que, ao meu ver, a novela vai gañando en complicidade conforme se avanza polas súas páxinas, se cadra polo ritmo fluído que atesoura e que se fai acompañar por innumerables referencias musicais e artísticas; se cadra por estar situada nunhas coordinadas temporais concretas como son as que van de finais dos anos setenta e comezos dos oitenta, época respecto da que se erixe un fresco de transparente e indubidable valor sociolóxico.

            Como a primeira entrega do autor, esta resulta  -e permítanme o exercicio de  taxonomía ben pouco ortodoxo- moi ferrolá. Ferrolá en canto expresións e xiros lingüísticos; en canto atmosferas, territorios e personaxes, claro é, sobre os que se sustentan boa parte dos seus acertos.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!