Menu Xerais

Crítica de Rodríguez Alonso sobre o «Dicionario Xerais de Secundaria e Bacharelato»

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre o Dicionario Xerais de Secundaria e Bacharelato.

 

Máis ca un dicionario escolar: un dicionario de uso

Malia o título deste dicionario, que o restrinxe ao eido do Ensino, realmente estamos perante un dicionario de uso, é dicir, un dicionario que evidentemente ten en conta a norma prescrita pola Real Academia Galega, mais que asume palabras e acepcións novas que non figuran no dicionario en liña da RAG, desde estranxeirismos a neoloxismos de diferente tipo. Por outra banda, rexistra con asterisco as formas que son consideradas, por diversos motivos, erros. Tamén lle proporciona ao usuario unha gramática elemental, pero completa, do galego nos seus cadros gramaticais, que van desde a formación do plural á utilización do infinitivo conxugado. Xa que logo, dicionario que non só serve, como acontece nos bos dicionarios de uso, para descifrar mensaxes, senón tamén para os cifrar.

No eido das entradas o dicionario supera as trinta e unha mil entradas e as sesenta mil definicións. Queda neste sentido un pouco curto, pois os dicionarios de uso de tipo medio adoitan andar polas oitenta mil definicións. Mais o certo é que o dicionario inclúe, como vimos dicindo nos comentarios que lles facemos as obras literarias que criticamos neste mesmo blog, moitos termos que aparecen na literatura ou no xornalismo e nos libros de texto que non rexistra o dicionario da Academia en liña. Lean, neste sentido, por exemplo, a recente crítica que publicamos aquí sobre Escarlatina, a cociñeira defunta.

Gabamos así nas entradas a atención posta a este léxico de hoxe en día e a atención aos termos propios dos xornais e revistas ou tamén dos libros de texto de secundaria e bacharelato que manexa o noso alumnado de Secundaria e Bacherelato. Perante a avalancha de tecnicismos que chegan cada día á lingua, os lexicógrafos aconsellan acoller os que pasan aos libros de Secundaria e Bacharelato ou teñen presenza habitual na prensa. Con todo, en futuras edicións, aínda terán que afinar máis os autores deste dicionario, pois xa nas primeiras entradas vemos que faltan algunhas palabras habituais nos libros de texto-xornalismo como abandonismo, abasí, abasida, abencerraxe, abioceno, abioxénese, abiota, amnio, academicismo, achelense, abevillense, axón/cilindro eixe, desenvolvemento sustentable, conurbación… Estas ausencias fanse patentes se analizamos tecnicismos con bio-. Faltan así termos habituais como biobibliografía, biocarburante, biocatalizador, bioelemento, bioético, bioma, biota, biotecnoloxía… que son todos correntes nos libros de bacharelato e mesmo de secundaria. Tamén nas primeiras entradas falta un termo tan habitual hoxe como abrefácil, das latas de conservas e similares. Todos estes termos, pola contra, aparecen nos dicionarios casteláns ben elaborados do nivel de Secundaria e Bacharelato. E isto é moi grave no caso dunha lingua en situación diglósica coma o galego. No eido das ausencias tamén son rechamantes a ausencia de expresións como Idade de Bronce, de Ferro…, que si figuran no DRAG e na xeneralidade dos dicionarios escolares deste nivel. Iso si na entrada daga exemplifican: As dagas máis antigas datan da Idade de Bronce.

O dicionario de uso ou os dicionarios escolares serven para que os usuarios resolvan todas as dúbidas que poidan ter sobre as palabras, tanto para as usar de forma pasiva ao ler ou descifrar mensaxes, como para os formar. Se alguén non entende ben o que significa amnio, por exemplo, ou ten unha vaga idea do que significa, mais non o sabe con precisión, acode ao dicionario. E resulta que neste dicionario galego non aparece, mais si no castelán. O mesmo acontece cun termo do ámbito do consumo como abrefácil. O usuario daquela pensa que non paga a pena consultar o dicionario galego e irá ao castelán. E iso é moi grave. Polo tanto, os autores do dicionario que estamos a comentar deberon ser máis coidadosos á hora de elixiren as entradas, máxime cando Xerais conta cun gran fondo de libros de texto que puideron, como se di no xerga dos lexicógrafos, papeletear. En caso contrario, non viría mal fixarse nalgúns dicionarios de uso/escolares moi solventes que hai no castelán e isto non é colonialismo, pois de algo nos ten que valer a nosa condición de bilingües. Ademais os rapaces e rapazas reciben unha educación bilingüe e usan o dicionario galego e mais o castelán. Algún destes termos, ademais, como amnio figura no DRAG. Malia o dito, hai un esforzo evidente neste dicionario pola actualización de tecnicismos e mesmo coloquialismos, mais puido ser máis efectivo. Por exemplo, faltan termos que aparecen no último relato infanto-xuvenil que acabo de ler (Escarlatina, a cociñeira defunta) como guai, piruleta, bocata, molar… Se non se admiten por seren castelanismos, podían figurar nas entradas de erros, que este dicionario introduce precedidos por asterisco.

Observamos por veces outros erros, como a recursividade nas definicións. Así defínese arcipreste como Sacerdote nomeado polo bispo… para administrar e dirixir un arciprestado. Imos a arciprestado e lemos: Dignidade e xurisdición do arcipreste. Do mesmo xeito hai definicións mal feitas como argumento: Asunto tratado nunha obra. Tamén é recursiva, pois en asunto dise: Argumento dunha obra. Mellor sería definir como Conxunto ordenado dos feitos que se relatan nunha novela, historia ou película. Algo similar ocorre en comisaría / comisario: Distrito baixo a autoridade dun comisario / Policía que está á fronte dunha comisaría.

Outras veces a definición aparece descontextualizada da realidade galega, como se pode ver en agrario. Calquera un chisquiño enterado da historia de Galicia sabe o que son os agrarios, acepción que non aparece neste dicionario. Por veces, os exemplos pecan dun españolismo que non convén nada na actual situación do galego. Non haberá ateneos en Galicia para exemplificar esta entrada, sen ter que pór este exemplo: O Ateneo de Madrid está na rúa do Prado. Algo semellante acontece co exemplo da acepción de bardo, como poeta nacional, que se eximplifica con Shakeaspeare. Como se non tivésemos o noso Pondal… Rechamante neste sentido é o caso de provincialismo, definido así: Movemento que defende os intereses políticos da provincia fronte ao poder central do estado (sic estado, que tería que ser, de acordo coa propia observación do dicionario en estado, Estado). Tamén define este termo totalmente descontextualizado da realidade de noso o DRAG. Cumpriría definir algo así como : Movemento que se deu en Galicia no século XIX e que propuña que Galicia debía ser unha soa provincia e non catro para defender así mellor os seus intereses fronte ao Estado central.

Tamén erra ao utilizar na definición termos que non figuran nas entradas do dicionario e que non deixan de sorprender o consultor. Así dise en armadillo: Mamífero da familia dos dasipódidos A definición de cadela vale para todas as femias dos cánidos, como por exemplo o lobo: Mamífero femia da familia dos cánidos. Non custaba nada pór simplemente Femia do can. Esta mala técnica é habitual en moitas definicións do léxico das ciencias naturais. Nalgúns casos a cousa é ata ridícula pois defínese aromatizar na acepción 2 como En química, realizar unha aromatización. Aromatización non figura como entrada. Mesmo hai definicións que nada din. Así artillaría: Conxunto de armas pesadas. Non aparece para nada nas entradas a expresión arma pesada nin un uso específico de pesado referido a arma. Debería definirse algo así como conxunto de armas de gran calibre como canóns e lanzamísiles. Vou, xa finalmente, citar outra definición que parece feita para saír do paso. En asno dise Mamífero da familia dos équidos. Iso tamén valería para o cabalo, pois pór entre parénteses o nome científico non vale realmente para nada. Xa para non seguir con exemplos de definicións mal feitas aí vai, por último, a de avanzado:: [Idade] provecta. Non vén como entrada provecto e, ademais, o definidor debe ser máis usual-comprensible ca o definido. Ás veces nas definicións ponse moi pouco coidado e saen impropiedades. Así defínese canibalismo como Práctica que consiste en alimentarse os seres humanos de individuos da mesma especie. Istor realmente é a antropofaxia, pois o canibalismo refírese a todos os animais, non só as persoas, que comen carne da mesma especie, como a barbantesa, segundo nos lembra no seu bo exemplo o DRAG en liña. Algo similar acontece en carnívoro, pois ponse como exemplo: O oso é un carnívoro. Pola contra, en úrsido din que son omnívoros, como acontece na realidade. En caudillo, no exemplo, asumen a propaganda franquista pois din Xefe que dirixe un exército: Franco foi un caudillo militar. Iso é o que din os franquistas, mais simplemente quedou nun ditador ou golpista. Ese nome convenlle mellor a Pedro Madruga, por exemplo. Supoño que ás mulleres tampouco lles gustará moito o exemplo que se pon en cazoleiro: Éche moi cazoleiro, ata lle gusta pasar o ferro.

Nalgúns casos nas definicións maniféstase unha ideoloxía ou prexuízos que cómpre coidar. Así ponse como exemplo en canteira: Os barrios marxinais son canteiras de delincuentes. O capitalismo tamén recibe moitas descualificacións, que coido non deben aparecer nun dicionario. Asi en cancro: O capitalismo é o cancro desta sociedade chea de desigualdades. En capital: O capital sen o traballo non é nada. A definición da acepción 3 de carne tampouco se pode pasar por alto e lévanos aos tempos do nacionalcatolicismo: Parte material do ser humano oposta ao espirito, obxecto da sensualidade e a luxuria. Cumpriría ademais, como ben fai o DRAG, contextualizar esta definición no eido da relixión.

Por veces, nas definicións e exemplos, non respecta o dicionario a norma que impón. Así en adormecer indica que este verbo só é intransitivo, mais na definición de arrolar úsao como transitivo: Cantar ou emitir calquera son para adormecer a alguén. Tería, tal e como propón o dicionario nas entradas adormecer/adormentar, que usar nesta definición adormentar. Tamén no eido do léxico se dan estas incorreccións/incoherencias. Cómpre dicir rega sanguínea, pois para a acción de regar úsase só rega e nunca rego, como pode verse ao consultar as entradas rega/rego. Mais en apoplexía defínese Interrupción do rego sanguíneo… Do mesmo xeito no exemplo de aprobar aparece usado sobresaínte como cualificación académica, cando neste uso o propio dicionario só admite sobresaliente (véxanse as entradas sobresaínte/sobresaliente). Arquitrabe é feminino na entrada, mais en atlante aparece os arquitrabes dunha construción. Maís grave aínda é o uso de cal como feminino e non como masculino na entrada caleira: … para obter cal viva… En átono úsase til, que é signo que vai sobre o ñ, para referirse a acento gráfico. Na entrada benigno aparece ciste benigno no exemplo, cando a forma correcta é quiste. Seguindo o criterio académico o dicionario sinala que gran só se utiliza diante de substantivos comezados por consoante e que perante vogal cómpre usar a forma plena grande; malia o dito, ba definición de bestséller atopamos gran éxito. Mais duro é o erro que aparece na definición de bulldozer: Máquina excavadora. Os problemas co xénero correcto volven aparecer na definición de cianato: Sal orgánica… Subministro, como substantivo, figura precedido por asterisco de incorrección e dise, a seguir, que a forma correcta é subministración. Non obstante, en corte lemos: O corte do subministro.

Por outra banda, nalgún caso cóase o machismo, que cremos que se debe a que os autores se inspiran en dicionarios anteriores de forma atrítica e así definen cabeza como Parte superior do corpo do home e de moitos animais. Ata a machista DRAE español cambiou a definición e puxo no canto de hombre persona. Os dicionarios escolares e xerais tentan hoxe evitar estes machismos tan rechamantes. Coma se as mulleres non tivesen cabeza!

Por veces non se ten en conta, malia ser un dicionario prescritivo, o criterio da RAG e así danse como entradas correctas cinta adhesiva, cinta métrica… cando nestas acepcións e expresións o DRAG so admite fita e non cinta.

En fin, xa digo, malia o título pola amplitude das entradas e acepcións e á súa atención ao léxico vivo e que hoxe se utiliza nos medios, libros de texto e literatura estamos perante un avance considerable no eido xa non só do dicionario escolar, senón no chamado dicionario de uso. É tamén un dicionario de dúbidas e erros, de sinónimos e antónimos e mesmo unha moi boa gramática elemental do galego. Neste sentido, para min, supera o propio DRAG en liña. Fáltalle ao dicionario, e de aí os erros que sinalamos, unha plan e mais un coordinador efectivo que controlase a técnica da definición, os exemplos, os erros e outros factores negativos que sinalamos enriba. Mais iso é común na lexicografía galega e tamén pasa no DRAG, por máis que nominalmente aparezan uns coordinadores. Abonde con ver, por exemplo, como por veces a propia RAG se contradi se consultamos o dicionario castelán-galego desta institución, en libro, e a versión do DRAG en liña, malia que o coordinador-director dos dous sexa a mesma persoa. Mais, con dicionarios como o propio DRAG e mais este de Xerais, temos aberto o camiño para elaborar un dicionario de uso bo e actual do galego, sempre que se estableza previamente un plan sobre entradas que admitir, técnica da definición e cousas así.

Por iso, imos entrar un chisquiño na microestutura, especialmente no terreo da técnica definitoria. Os autores do dicionario carecen dunha formación no que se deu en chamar hoxe lexicografía teórica ou metalexicografía. Iso pásalles tamén aos autores e directores do DRAG. Calquera que se poña a redactar un dicionario ten que ler unha obra que é de consulta obrigada hoxe en todo o noso contorno cultural e publicada nada menos que en 1989: Los diccionarios de orientación escolar. Contribución al estudio de la lexicografía monolingüe española, de Humberto Hernández (Tübingen, Max Niemeyer Verlag). Se os autores tivesen lido esa obra, saberían que nas definicións hai que respectar a lei da sinonimia (xa non se pode dicir iso de Dise de…Nome que se lle dá a …). Non me estendo máis e remito á lectura do devandito manual de metalexicografía de Hernández. Por certo, hai no mercado xa dicionarios escolares, aínda que non en galego, elaborados coas propostas de Hernández e outros especialistas da lexicografía teórica ou metalexicografía.

Tampouco se marca o contexto ou contorno da definición, cousa que si fai sistematicamente o DRAG, aínda que cun procedemento anticuado. Para isto xa non se adoita usar as parénteses, como fai o DRAG, ou por veces este dicionario. Cando se lle dá tanta importancia á combinatoria das palabras que ata hai dicionarios de combinatoria das palabras, cómpre marcar claramente o contorno da definición. O máis pedagóxico neste caso é sinalar o contorno cun enunciado anteposto á definición, separado desta por coma e cunha tipografía diferenciada. Xa se ten feito así en dicionarios escolares e, ata o de hoxe, é a técnica cando menos máis pedagóxica e clara. O contorno da definición marca por exemplo nos verbos que acepción se actualiza segundo a clase de suxeito ou complemento que acompoñe o verbo. Así collendo ao chou unha das primeiras entradas do dicionario, abandeirar, para nada figura o contorno ou contexto. Defínese con tres acepcións: Rexistrar un barco baixo a bandeira dun Estado / Adornar con bandeiras / Pórse á fronte na defensa dunha causa. Así, por exemplo, o DRAG sinala o contexto con corchetes: Rexistrar [un barco] baixo a bandeira dun país determinado. É evidente que nas acepcións 1 e 3 cómpre sinalar o contexto. Nas definicións dos dicionarios que estamos a comentar barco e mais  causa son contexto. Así os dicionarios actuais adoitan definir, marcando o contexto do verbo, con tipografía diferente: Referido a unha embarcación de nacionalidade estranxeira, matriculala ou rexistrala baixo a bandeira dun Estado / Referido especialmente a un movemento ou a unha causa, defendelos ou porse á fronte deles.

Isto que parece unha parvada ten un gran valor pedagóxico. Pensemos no verbo abrir. Actualiza as acepcións segundo os distintos complementos directos que leve: Referido a lista… / Referido a ferrollo… / etc. Mesmo estes contextos poden ofrecer distintos significados segundo a clase de complemento: pénsese que non é o mesmo aspirar referido a unha substancia, con CD, que referido a un cargo, con complemento de réxime. Outro tanto acontece con moitos adxectivos segundo se combinen con nomes de persoas, seres animados, vexetais etc. Pensemos, por exemplo, en verde. O que non se pode facer é definir a acepción Referido a un froito, que non está maduro con Froitos que non chegaron a súa sazón, como fai o dicionario que estamos a comentar. Incumpre, como na vella lexicografía, o principio básico da sinonimia, que establece que a definición debe conservar a categoría do definido. Así os adxectivos han de definirse basicamente por adxectivos de discurso como poden ser as oracións adxectivas ou expresións preposicionais, pero nunca, por exemplo e como se fai neste caso, por un substantivo. Tendo claro os conceptos de lei do contorno e de lei da sinonimia non se producirían estes desaxustes. O mesmo erro aparece referido a persoa: Persoa con pouca experiencia. Se se definise, atendendo á lei do contorno e mais da sinonima diríase algo así como: Referido a unha persoa, inexperta e pouco preparda /que non ten experiencia. Isto permite a substitución: É un mozo aínda verde para esta tarefa > É un mozo inexperto /pouco preparado/ que non ten experiencia para esta tarefa.

Mais xa digo, cos materiais que temos agora, conseguir o bo dicionario de uso do galego só é cousa de coordinación e plan. Desconfío que a RAG sexa quen de acometer esta tarefa e confío máis nunha editorial como Xerais que, cos materiais que acubilla no Gran Xerais e neste Dicionario de Secundaria e Bacharelato, así como polo seu fondo de libros de texto e literarios, está en condicións inmellorables para ofrecer ese Dicionario de uso do galego. Por outra banda, hai que gabar o empeño desta editorial en ofrecer en formato tradicional de libro o dicionario. A gramática, a ortografía e mais o dicionario da lingua en formato tradicional de libro e publicados por unha institución solvente como unha Academia son xa non só libros de consulta para os usuarios desa lingua, senón que, como a bandeira ou o himno, son símbolos materiais da comunidade ou nación que posúe esa lingua de seu e fana visible e mesmo material e táctil en todos os ámbitos. De aí que, malia que esteamos nos tempos dos soportes dixitais, todas as academais de linguas de Estado, como a española, se preocupen por dar ao prelo gramáticas, ortografías e dicionarios  e así visibilizan a lingua e a cultura. Os dicionarios, gramáticas e ortografías en libro son nacionalismo banal se se quere, como as seleccións deportivas, pero imprescindibles. Véxase se non o éxito que tivo a RAE coas recentes gramáticas e ortografías do castelán ou co recentísimo dicionario. Iso era o que tiña que facer a RAG, mais despois de tanto anos de non dalo conseguido, parece xa un empeño imposible. E non se conteste que non hai cartos. O que hai que facer é aplicar os cartos ás tarefas máis urxentes, como son as citadas gramática, ortografía e dicionario en soporte libro, por máis que se ofrezan tamén en dixital.

Ante a ineficacia/incuria da DRAG asume esta tarefa, con este dicionario, unha editorial privada e podemos dicir que este dicionario que leva un título que o destina ao eido do ensino é realmente o noso dicionario de uso, con cadros gramaticais e ortográficos que non ofrece a propia RAG (como o uso das maiúsculas, o emprego do infinitivo conxugado, colocación do pronome átono…). Por iso,  nós recomendámolo no Galiciaconfidencial como un dos doce libros do 2014 que cumpría mercar, posto que, hoxe por hoxe, é o noso dicionario de uso e que debe ser consultado por todos os profesionais da lingua, non só profesorado-alumnado, senón tamén actores e actrices, xornalistas e ata políticos e políticas que procuren un galego identificado. Os defectos de método e mais de plan que lle sinalamos e para axudar a aqueles que, a partir destes dous dicionarios citados de Xerais e mais do da DRAG, elaboren o futuro Dicionario de uso do galego. Oxalá que axiña contemos con ese dicionario académico en libro, tamén cun bo dicionario de uso e coas gramática e ortografía académicas en libro. Xa non só é un labor filolóxico, senón patriótico, para dotar de visibilidade e materialidade a lingua de noso.

Só me queda engadir que é triste que ata o día de hoxe non teña lido ningunha referencia a este dicionario. Isto dános a medida do desinterese e descoñecemento que sobre a lexicografía teórica segue a haber entre nós. Esperemos que no futuro a lexicografía teórica galega teña un maior desenvolvemento, así como a crítica a todo o labor filolóxico, marcado hoxe por hoxe polo silencio ou polo botafumeiro acrítico.

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados