Menu Xerais

Crítica de Román Raña sobre «Lois Pereiro. Vida e obra», de Iago Martínez

Román Raña publica no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre o libro Lois Pereiro. Vida e obra, a biografía literaria escrita polo xornalista Iago Martínez.

Máis que unha biografía

Das mellores homenaxes

A presente obra do xornalista Iago Martínez (Vigo, 1979) resulta ser, de certo, algo máis que unha simplebiografía: trátase dun relato escrito con minuciosa paixón e que fai revivir, xa que logo, a figura humana de Lois Pereiro, que a filma e a reafirma ante os nosos ollos, que a retrata por dentro e que a anima por fóra, recreándoa. Se a todo isto unimos a excelente prosa con que o biógrafo alicerza todo, podemos afirmar que estamos diante dunha das mellores homenaxes quo poeta monfortino recibiu neste 17 de maio pasado. Cabe lembrar aquí que Iago Martínez tamén é coautor (xunto con Álex Cancelo) dun documentario absolutamente conmovedor, magnífico e imprescindíbel que completa e complementa axeitadamente o volume que estamos a comentar.
Lonxe xa dos actos conmemorativos, apagados os focos da atendicón mediática, chegou o momento de contemplar a produción de Lois Pereiro sen as interferencias carpetovetónicas da actualidade para desfrutar do seu lirismo lúcido e acedo. Xa o dixemos antes, hai un bo lume no interior desta obra: a admiración polo artista de que se fala, o coñecemento profundo da súa obra, o comentario sempre atinado, a reflexión fulgurante que nos sitúa ante un traballo en verdade exemplar.

Román Raña

Comentarios pechados