Menu Xerais

Crítica de Vicente Araguas sobre «A Veiga é como un tempo distinto», de Eva Moreda

O crítico Vicente Araguas publicou unha recensión sobre A Veiga é como un tempo distinto, de Eva Moreda nos xornais Diario de Ferrol, Diario de Arousa e El Ideal Gallego. Reproducímola integramente:

A Veiga estaba en Portobello Road

Ou iso podemos deducir da “nouvelle” de Eva Moreda, “A Veiga é como un tempo distinto” (Edicións Xerais, Vigo 2011), Premio Terra de Melide, 2010. A Veiga, de Lugo, exportadora de emigrantes nos sesentasetenta, a Londres neste caso, por máis que os británicos, obrigados a facerse cargo dos súbditos da Commonwealth que tal desexasen, nunca ocuparon os postos alemáns ou suízos reservados masivamente para traballadores galegos alén da terra.
Digo estas cousas moi de pasiño, nin sequera coa idea de contextualizar algo que en Eva Moreda (A Veiga, 1981) tampouco ten ambicións sociolóxicas. Senón literarias. E é que, dígase de vez, non estamos diante dunha novela de “emigrantes”, por máis que nela, no seu carabel, estean os vimbios tan característicos deste país transitivo por obriga. Da mesma maneira, e por máis que a lapela do libro fale de The Beatles ou The Monkees ou de Twiggy ou de Jean Shrimpton como se tal cousa, no interior están igualmente de paso, pero moi de paso, impedindo así esa novela “pop” que a literatura galega aínda non deu desenguedellado.
E que sería (penso eu) de agradecer. Un libro como o de Eva Moreda, que se desenvolve en Londres (mellor, en Croydon) con aparicións en Brighton (onde as míticas liortas entre “mods” e “rockers” nos anos sesenta) podería ter dado máis xogo tamén nese derroteiro.
E non obstante, Moreda abonda noutras canles, máis de procesos e maneiras sicolóxicas, mantidas estilísticamente con primeiras persoas e ti autorreflexivos, que nos falan da habelencia desta autora nova, mais con varias publicacións na súa falchoca, de temática diversas, para levar adiante unha historia mantendo preso ao lector. Lector e pelegrín nunha historia na que se nos contan poucas cousas (o que, obviamente, non é reproche senón constatación), senón as que teñen que ver co devir vital cativo dunha xente d’A Veiga luguesa en Londres, anos setenta. Onde os personaxes non soamente traballan (ou procuran choio) senón que, as veces, atopan implicacións sindicais.
E por aí os tiros da espléndida capa de A Veiga é como un tempo distinto, con fotografía en branco e negro dun altercado no que os “bobbies” actúan flegmáticamente (diría eu) diante duns rapaces tan de aquela época que mesmo apetece aos da miña quinta entrar nela polo consabido túnel do tempo.
De maneira que resumo a miña sensación desta novela dicindo que ten o seu aquel; grazas a esa certa orixinalidade no tratamento en elipse da historia, tamén porque o previsible non é a circunstancia que empurra ao argumento.
Os protagonistas, ademais, están ben distanciados (canndo non aludidos e máis nada), por iso, se cadra, sobexan as palabras e xiros anglicanos que salferen a “nouvelle” sen estar debidamente canxados. The Beatles, The Monkees, Twiggy ou Jean Shrimpton mera anécdota ao paso, moi ao paso.

Vicente Araguas

Deixa un comentario!